A corporación municipal organízase para afrontar o novo mandato

Pontevedra
18 de xuño 2019

Un dos primeiros trámites da nova corporación, como marca a lexislación, é aprobar os seus novos criterios de organización. Iso farán os edís pontevedreses no pleno que se celebrará este mércores no Teatro Principal, pero a grandes liñas xa se coñecen todos os detalles do novo funcionamento e, sobre todo, dos salarios

Investidura de Lores como alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

Un dos primeiros trámites da nova corporación, como marca a lexislación, é aprobar os seus novos criterios de organización. Iso farán os edís pontevedreses no pleno que se celebrará este mércores no Teatro Principal, pero a grandes liñas xa se coñecen todos os detalles do novo funcionamento.

Así, o goberno municipal resérvase un máximo de trece dedicacións exclusivas, aínda que non fará uso de todas elas. Cobrarán salario polo seu traballo municipal oito edís do BNG -entre eles o propio alcalde de Pontevedra- e no PSdeG-PSOE serán outros tres, aínda que dous deles compartirán unha dedicación parcial.

Ao PP, pola súa banda, polo número de edís que logrou nas pasadas eleccións municipais, asignaránselle dúas dedicacións exclusivas e unha dedicación parcial.

Con este acordo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores cobrará 67.744,32 euros anuais, mentres que o tenente de alcalde, Tino Fernández, recibirá anualmente 61.275,90 euros.

Os concelleiros que teñan unha dedicación exclusiva terán unha asignación de 46.554,48 euros, que quedarán en 23.277,38 euros, no caso de que o seu traballo municipal será en réxime parcial.

XUNTA DE GOBERNO

Segundo recolle o acordo de organización, a Xunta de Goberno estará formada, ademais de Fernández Lores, de seis edís do BNG (Anabel Gulías, Eva Vilaverde, Demetrio Gómez, César Mosquera, Carme da Silva e Raimundo González) e dous do PSdeG-PSOE, Tino Fernández e Iván Puentes. Este último, que non ten dedicación exclusiva, cobrará 140 euros por reunión.

COMISIÓNS E PLENO

Con respecto ás comisións informativas, Pontevedra mantén as seis que existían. Trátase das comisións de Réxime Interior, Participación, Persoal e Xustiza; Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente; Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural; Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos; Economía e Facenda e a comisión especial de suxerencias e reclamacións.

Cada unha delas estará formadas por dez membros, que serán catro edís do BNG, tres do PP, dous do PSdeG-PSOE e un de Cidadáns.

Aqueles concelleiros que non teñan salario municipal cobrarán 120 euros por cada asistencia a unha comisión, asignación que crecerá ata os 140 no caso de que esta persoa ostente a presidencia.

Os plenos, pola súa banda, pasarán a celebrarse os antepenúltimos luns de cada mes, a partir das once da mañá. Os concelleiros sen dedicación exclusiva cobrarán 300 euros por sesión plenaria.

Ademais, cada grupo municipal recibirá 2.700 euros como cantidade fixa para o seu funcionamento interno, cantidade á que se sumarán outros 300 euros por cada concelleiro.