A corporación marinense fai balance da batalla local contra a pandemia

Marín
01 de abril 2020

A alcaldesa María Ramallo explicou nunha reunión telemática aos portavoces de todos os grupos todas as accións levadas a cabo no municipio e analizaron a adopción de novas accións para asegurar o benestar de toda a poboación

Mensaxe de María Ramallo á cidadanía de Marín ante as medidas do estado de alarma Concello de Marín

Os portavoces da corporación municipal de Marín reuníronse de forma telemática este mércores para facer balance das medidas adoptadas para facer fronte á pandemia do coronavirus. A alcaldesa María Ramallo, informou os portavoces do PP, PSOE e BNG, Manuel Santos, Manuel Pazos e Lucía Santos; sobre o funcionamento dos servizos públicos, a implantación do teletraballo e a limpeza e desinfección das rúas do municipio.

Outro dos asuntos tratados na xunta centrouse na coordinación do Concello coa Policía Nacional e Local, cuxas persoais están a traballar practicamente ao 100% "realizando o importante labor de garantir o cumprimento do estado de alarma", destaca a rexedora. Ademais, efectivos da Brilat e da UME procederon á deinfección da residencia da terceira idade.

No aspecto económico, o goberno local informou da paralización do prazo de tributos municipais e da devolución de taxas de servizos que non se están prestando como o mercado, as terrazas ou a recollida de residuos. Ademais, o pago a provedores está a axilizarse "o máximo posible", asegura Ramallo.

Con vistas ao futuro e despois de poñer en coñecemento dos portavoces que todos os traballadores do municipio dispoñen de todos os materiais de seguridade para realizar o seu labor, os portavoces falaron sobre novas iniciativas de carácter social a implantar para atender ás familias máis vulnerables. Neste sentido, lembraron que o CIM segue prestando servizo ao considerarse unha atención esencial.