A corporación de Campo Lameiro sairá á rúa para protestar pola falta de médicos no Centro de Saúde

Umia
09 de decembro 2022

A Xunta de Portavoces decidiu a convocatoria dunha concentración diante do Centro Médico para este sábado ás 18 horas.

Xunta de voceiros do Concello de Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

A Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro decidiu na súa Xunta de Portavoces, na que estiveron presentes ademais do alcalde, Carlos Costa, a voceira do PPdeG, Nieves Boullosa, de PorVir, Martina Viéitez e do PSdeG-PSOE, Adrián Vidal, convocar unha serie de mobilizacións para esixir ao SERGAS a estabilización da atención sanitaria no Centro Médico da localidade.

A primeira das mobilizacións que convocará o Concello terá lugar este sábado 10 de decembro, ás 18 horas, cunha concentración diante do Centro de Saúde en protesta pola falta de médicos á que está convidada toda a veciñanza de Campo Lameiro "para protestar por unha situación de inestabilidade na asistencia médica que xa se prolonga demasiado no tempo".

As tres formacións políticas con representación na Corporación Municipal decidiron tamén acudir a estas mobilizacións, que se prolongarán mentras non se resolva o problema, sen bandeiras partidistas e dándolle a voz e o protagonismo á veciñanza, "verdadeiros afectados pola falta dunha atención médica estable e duradeira no Centro de Saúde de Campo Lameiro".

Durante a concentración de protesta, os concelleiros recollerán entre os asistentes follas de reclamación para presentar ante as autoridades sanitarias para que tomen conciencia deste problema real que levan padecendo os veciños de Campo Lameiro desde hai xa moitos meses.

A circunstancia persoal do médico titular, con baixas reiteradas por enfermidade, así como a rotación propia dos médicos substitutos fan que, a xuizo da Corporación Municipal, "non se estean dando as condicións mínimas dunha asistencia médica de calidade" polo que lle esixen ao SERGAS que habilite unha fórmula para dotar dun médico estable no consultorio de Campo Lameiro.

Ao mesmo tempo, a Corporación Municipal insta á Xunta a resolver os problemas de falta de persoal médico de Atención Primaria en Galicia e tamén ao Goberno Central a que habilite unha maior convocatoria dos chamados MIR e que diferencie desde o principio os médicos de urxencias dos que se van adicar á Atención Primaria.