A conversión do antigo centro médico de Carballedo en catro casas de protección oficial xa é unha realidade

Cerdedo-Cotobade
28 de setembro 2021

Xunta, Deputación e Concello inauguraron este martes unha obra que supuxo un investimento superior aos 370.000 euros

Inauguración das vivendas de protección autonómica do antigo centro médico de Carballedo Xunta de Galicia

O proxecto para converter en vivendas de protección autonómica o antigo centro médico de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, tivo este martes a súa inauguración oficial coa visita de representantes do Concello, Xunta e Deputación que, son os seus investimentos, fixeron posible esta obra valorada en 370.000 euros.

Impulsado polo Concello de Cerdedo-Cotobade, o plan permitiu rehabilitar un edificio de máis dun século de antigüidade, que antes de centro de saúde foi unha escola e tamén un almacén, nun complexo residencial. “Dende a Xunta de Galicia cremos que a actuación promovida en Cerdedo-Cotobade é impecable dende o punto de vista técnico e encaixa á perfección na filosofia da Xunta de apostar polas rehabilitacións e a recuperación do patrimonio arquitectónico co obxectivo de darlle unha nova vida e utilidade ao tempo que se respecta a súa fisonomía orixinal”, explicou Luís López, delegado territorial da Xunta, que investiu nesta obra 192.000 euros a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

O resto, 231.000 euros, achegounos a Deputación a través do Plan Concellos.

A rehabilitación do antigo centro médico consistiu na preparación de dúas casas de 130 metros cadrados na planta baixa e outras dúas, de 72 metros cadrados cada unha, no primeiro piso. Todas elas contan con acceso independente a través do prche interior e están equipadas con todos os servizos.