A Consellería do Mar sinala que foi o Concello de Poio o que non resolveu o déficit de aparcamento en Combarro

Poio
05 de xullo 2022
Actualizado: 18:14

A Consellería do Mar asegura que o peirao de Combarro é a "única alternativa viable" para colocar os materiais necesarios para a construción do novo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres

A conselleira de Mar, Rosa Quintana visita unha depuradora en Cambados Xunta de Galicia

A Consellería do Mar asegura que o peirao de Combarro é a "única alternativa viable" para colocar os materiais necesarios para a construción do novo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres.

A obra do emisario conta cun investimento da Xunta de 12 millóns de euros e dará servizo aos máis de 140.000 habitantes da ría de Pontevedra.

Nun comunicado a Consellería do Mar sinala que "os traballos que se están a realizar son fundamentais para garantir a boa calidade das augas da zona e que a produción de moluscos bivalvos -tanto do marisqueo como do sector bateeiro- non se vexa prexudicada por empeoramentos na clasificación microbiolóxica das zonas de produción". 

Engade que "unha peor calidade das augas alongaría os pasos previos á comercialización do produto en fresco, o que afectaría ao seu prezo e reduciría os ingresos dos profesionais do mar".

O Executivo galego lamenta as molestias que o peche de espazos no peirao de Combarro poida ocasionar ao conxunto da cidadanía da vila, pero apela á "comprensión de todas as partes" pois trátase dunha "actuación de interese xeral" que se realiza "en beneficio do conxunto dos veciños da ría de Pontevedra e seguindo rigorosos criterios técnicos".

A Xunta lembra ademais que o Concello de Poio foi advertido do inicio das obras antes de que se inhabilitase esta zona portuaria, polo que o Executivo galego agarda que o Goberno local manteña unha "posición construtiva" neste sentido "e faga os esforzos necesarios para solucionar os posibles problemas de aparcamento que poidan xurdir mediante a busca de novas zonas de estacionamento nas proximidades". 

A Consellería asegura que "o déficit de aparcadoiro municipal que non resolveu o Concello, é o que vén motivando que a zona portuaria se veña usando como zona para estacionar malia non ser un aparcadoiro".

Os traballos que se están a realizar desde o porto da Canteira "son complexos e requiren dun espazo, instalacións e condicións meteorolóxicas e marítimas moi específicas, polo que os técnicos elixiron este peirao como o máis axeitado para realizar as manobras coas máximas garantías de seguridade e especialmente na época na que nos atopamos, nos meses de verán, que son os máis idóneos".

Os informes técnicos realizados polo Executivo galego establecen a necesidade de apoiarse nesta zona do porto de Combarro para "dispoñer do terreo suficiente no que desenvolver de xeito áxil e seguro as distintas manobras así como mover pezas de grandes dimensións empregadas nos traballos de colocación do emisario".

Xunto á necesidade de utilizar esta parte do porto, os enxeñeiros da Xunta determinaron que o período estival é o "óptimo" para realizar estes traballos debido a que nesta época adoita haber condicións meteorolóxicas e marítimas máis favorables, con boa flotabilidade e estabilidade, pola menor presenza de ondadas.

Afirmán, ademáis que o porto de Combarro "reúne tamén os requisitos necesarios neste aspecto", polo que a súa elección "contribúe a que a execución das distintas actuacións se realice de maneira máis segura" tanto para as embarcacións como para o persoal técnico implicado nas operacións. Ao mesmo tempo, "búscase reducir ao mínimo a afectación ao tráfico portuario, que é reducido na contorna do dique da Canteira".

RESPOSTA DO BNG

En resposta á Consellería do Mar, a portavoz de grupo municipal do BNG no Concello de Poio, Marga Caldas lembra que "os portos deben integrar zonas comúns de convivencia", ao igual que acontece noutros peiraos de Galicia "onde súa veciñanza pode aparcar alén doutros estacionamientos, sen convenios, sin asumir xestións exclusivas de Portos" polo que pregunta "por que en Combarro non?".

Marga Caldas admite que o Concello de Poio debe procurar zonas de estacionamiento, "mais as parcelas que bordean o núcleo de Combarro maioritariamente están afectadas por costas e pola propia Xunta" e a isto engade que "a falta de beirarrúas e  seguridade vial non permitiu ata agora poder habilitar aparcadoiros na contorna da PO-308, porque non cumpren os parámetros mínimos de seguridade nos accesos".

"Melloren vostedes a seguridade vial da PO-308, señora conselleira, e pronto poderemos dar resposta integra ás diferentes demandas en materia de tráfico", asegura a concelleira nacionalista que lembra que a Xunta redactou un proxecto para o tramo da estrada PO-308 no treito entre Fontenla e Combarro "onde suprimen todas as prazas de estacionamento actúal. Sen alternativas!".

Ademáis acusa ao goberno galego de "bloquear" un proxecto do Concello de Poio para acondicionar prazas de aparcamento no paseo das Redeiras, "sen contestación, a pesar de contar con todos os informes a favor, con proxecto, con orzamento e con acordo plenario unánime".

Marga Caldas tamén critica que "abandonan o mantemento íntegro do Porto de Combarro máis non perdonan o cobro das taxas, incluso o aplican sobre  noso Patrimonio Cultural Mariño, sen dar un servizo de calidade aos usuarios. Unhas taxas que aplican sen piedade incluso polo uso público da Praza da Chousa. Unha praza que mantén íntegramente o Concello Poio".

Por último, o BNG pídelle á Xunta que "levanten o bloqueo sobre esta vila mariñeira que día a día sufre a constante opresión de Portos de Galicia. Reflexionen e busquen alternativas para evitar pechar o acceso ao Porto nos meses de verán, evitando as graves consecuencias que esta decisión vai provocar".