A Consellería de Mar e a Deputación acordan unha liña de axudas coas 22 confrarías da provincia

Pontevedra
13 de abril 2015

A Deputación de Pontevedra achegará ás confrarías da provincia unha cantidade próxima aos 711.000 euros segundo acordaron este luns o presidente da institución, Rafael Louzán, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, representantes das 22 confrarías da provincia e a propia Federación Provincial de Confrarías nun encontro celebrado no Pazo Provincial

Xuntanza da Consellería do Mar, a Deputación e as confrarías da provincia Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra achegará ás confrarías da provincia unha cantidade próxima aos 711.000 euros segundo acordaron este luns o presidente da institución, Rafael Louzán, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, representantes das 22 confrarías da provincia e a propia Federación Provincial de Confrarías nun encontro celebrado no Pazo Provincial.

Esta reunión vénse desenvolvendo de xeito anual para fixar criterios de repartición, unha vez que as confrarías expoñen os seus problemas e as súas necesidades.

O ano pasado, a Deputación achegou a estas entidades 711.000 euros, incluíndo 15 bolseiros que, durante un ano, desenvolveron distintas tarefas nos diferentes pósitos.

Para este ano, a cantidade acordada para repartir será similar. As liñas de axudas fixadas serán a de comercialización, investimentos propios dos pósitos, recuperación de bancos marisqueiros e reparacións de locais. Segundo explicou Louzán, a Deputación adiantará o 50% do investimento de cada confraría e achegará o resto unha vez se xustifíquen os traballos.

O presidente da Federación, José Antonio Gómez, da confraría de Portonovo, explicou que a reunión tamén serviu para fixar liñas e criterios de axudas e para acordar como se xestionarán as subvencións. Dixo que polo difícil momento que pasa o sector debido á baixada de cotas de pesca, a mortaldade do marisco, o furtivismo, ou os roubos nas instalacións portuarias, entre outros problemas, as axudas da Deputación son fundamentais para os pósitos e destacou, sobre todo, a concesión de bolseiros por un ano.

PAGAMENTOS E PLANS CONXUNTOS

Pola súa banda, a conselleira Rosa Quintana destacou a colaboración das tres institucións; o papel da Federación como interlocutor que sintetiza en tres ou catro liñas de axudas os diversos problemas das entidades; e destacou que as confrarías de Pontevedra, nalgún caso, xa están a desenvolver plans conxuntos de servizos e traballos.

Ao seu xuízo, estas actuacións aseguran unhas confrarías máis eficientes e de maior futuro. Informou tamén que a Consellería de Medio Rural e do Mar xa recuperou zonas improdutivas ata agora para o marisqueo.

Finalmente, Louzán afirmou que o correspondente convenio económico, cos criterios e contías hoxe acordadas, será asinado nun tempo máximo de quince días, unha vez que a Federación remita os criterios de repartición e a lista de titulacións académicas que precise. Asegurou tamén que os pagamentos se realizarán a principios do verán (o 50%) e a finais de setembro (o restante).