A conselleira de Medio Rural: "Galicia non é incendiaria"

Pontevedra
25 de outubro 2017

"Galicia non é incendiaria; hai incendiarios repartidos polo territorio e ao final provocan incendios que son un desastre económico, social e ambiental". Son palabras da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, pronunciadas este martes en Pontevedra despois dunha reunión de traballo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Superficie queimada no lume de Tenorio, en Cotobade Cristina Saiz

"Galicia non é incendiaria; hai incendiarios repartidos polo territorio e ao final provocan incendios que son un desastre económico, social e ambiental". Son palabras da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, pronunciadas este martes en Pontevedra despois dunha reunión de traballo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

"Temos que ser capaces de achegarnos ao territorio para que o monte, dous millóns de parcelas, sexa visto con bos ollos e que os incendiarios sexan illados e o monte poida con eles", dixo a conselleira con certa resignación, expresando o seu desexo de que o monte galego sexa "un monte visto con cariño e apego por todos os galegos".

Ese é un dos ángulos que terán que contemplar as directrices do novo plan forestal galego. "Levamos dous anos avanzando na revisión do plan forestal. Hai traballos moi importantes e, sobre todo, consultouse co sector e a sociedade en xeral a través do Consello Forestal, onde están representados desde a administración ata as empresas pasando polos grupos ecoloxistas e os propios concellos", explicou Ángeles Vázquez.

Vázquez asegurou que hai "avances importantes e unhas directrices consensuadas" neste eido. "Tiñamos moito avanzado no desenvolvemento destas directrices. Falabamos de que iamos presentalas antes de que terminase este ano, pero agora volveremos sopesalas para que todo o mundo sexa partícipe", informou.

"AQUÍ O ARBORADO É TODO BENVIDO"

Unha das cuestións que terá que abordar necesariamente este plan forestal é a proliferación das plantacións de eucalipto, un aspecto que a conselleira atallou dicindo que "aquí o arborado é todo benvido".

Ángeles Vázquez asegura que "non hai especies demonizables ou non, pero temos que ser todos conscientes, os primeiros os propietarios das fincas, de onde podemos plantar e que. Partindo de algo moi básico, en zonas agrarias non podemos plantar outra cousas que non sexan froiteiras ou pastos ou todo o relacionados coa agricultura. Nos montes, determinarao a revisión do plan forestal", avanzou.

Arquivado en