A comunidade de usuarios de Guimarei mellora a súa captación de auga

Umia
03 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A Xunta investiu 5.200 euros na construción dunha nova arqueta, un novo depósito de acumulación e un novo entubado de conexión co obxectivo de evitar perdas de auga e a contaminación por restos de vexetación

A comunidade de usuarios de Guimarei mellora a súa captación de auga Xunta de Galicia

A comunidade de usuarios de Guimarei, no Concello de Cuntis, acometeu melloras na instalación de captación de augas que tiveron un custo de 5.200 euros que foron financiadas coas axudas do Plan específico de acción comunitaria, dirixidas a entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este mércores esta mellora consistente na construción dunha nova arqueta de captación e dun novo depósito de acumulación de 5.000 litros. Tamén se colocou un novo entubado para conectar o novo depósito coa canalización existente.

Con estas obras conseguiuse mellorar a captación e evitar importantes perdas por fisuras na arqueta, ao mesmo tempo que se conseguiu frear a entrada de restos de vexetación que contaminaban a auga.

Natalia Prieto lembrou que xa se publicou a convocatoria deste ano de Plan específico de acción comunitaria que conta cun orzamento de 3 millóns de euros, dos que 2,5 millóns de euros son para facilitar a execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Cos 500.000 euros restantes finánciase a compra do equipamento para o funcionamento das organizacións beneficiarias: mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, e outros recursos para actividades específicas.