A comunidade de montes de Lourizán celebrou as asembleas xerais ordinaria e extraordinaria con varios puntos conflitivos. Desta forma, decidiuse que a comunidade abandone oficialmente o Consello Parroquial de Lourizán mentres non haxa por parte do Concello de Pontevedra un compromiso de que se tomará en serio este órgano e as decisións que se adoptan.
Sinalan que o plan parroquial incumpriuse sistematicamente por parte do goberno local desde a súa aprobación hai tres anos.
En relación á Casa da Cultura de Lourizán, os comuneiros indicaron que debe de construírse nos Praceres, rexeitando a opción de Estribela, como propón o Concello. Os integrantes da agrupación de Lourizán consideran que non se debe rehabilitar a praza de abastos de Estribela para destinala a Casa da Cultura. Sinalan que neste edificio onde xa se atopa o centro social débense acometer reformas para mellorar as instalacións pero entenden que existe unha reivindicación histórica para construír unha nova Casa da Cultura en Praceres. E instan o goberno de Fernández Lores a atender a vontade popular.
Os comuneiros tamén rexeitaron a cesión de terreos da comunidade de montes para a construción do campo de fútbol municipal Salcedo-Lourizán. En todo caso, indican que están abertos a favor de convocar outra asemblea para volver tratar o tema cos responsables políticos e comprobar se están dispostos a aceptar os puntos aprobados no plan parroquial sobre o monte veciñal.
Na asemblea, os participantes alegaron que os gobernos locais están mal afeitos ao entender que os montes veciñais son terreos que se poden conseguir a un prezo baixo ou mesmo gratis como no caso da cesión para construír este campo de fútbol. Os responsables do club San Andrés C.F. de Lourizán manifestaron a súa intención de que Ence sexa quen constrúa un campo na zona costeira da parroquia.
Por este motivo, os comuneiros cren que o campo de fútbol que promove o Concello podería quedar a curto ou a medio prazo unicamente para o equipo de Salcedo e para outros equipos do municipio mentres que o da parroquia xogaría no de Ence.
Os comuneiros, en todo caso, mostraron nas asembleas o seu enfado pola actitude do goberno muncipal a quen acusa de non comprometerse con ningún dos puntos aprobados polo consello parroquial en 2014.