A comunidade chinesa de Pontevedra doa 2.000 máscaras e material de protección á cidade

Pontevedra
21 de marzo 2020

A asociación que forma a comunidade chinesa en Pontevedra expresou o seu desexo de que todo este material sirva para reforzar a protección de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, ao entender que, xunto co persoal sanitario, son os máis expostos ao coronavirus

Doazón de material de protección da comunidade chinesa de Pontevedra Concello de Pontevedra

Dúas mil máscaras e unha "importantísima" cantidade de botes de solución hidroalcohólica, botes de alcol desinfectante e luvas de traballo. Esa foi, segundo anunciou o Concello, a doazón que realizou a comunidade chinesa de Pontevedra.

A asociación que forma a comunidade chinesa en Pontevedra expresou o seu desexo de que todo este material sirva para reforzar a protección de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, ao entender que, xunto co persoal sanitario, son os máis expostos ao coronavirus.

O Concello agradeceu esta doazón e a "implicación" dos cidadáns chineses que residen en Pontevedra nesta crise sanitaria, xa que tamén fixeron outras doazóns noutras institucións da comarca.

Ademais, dous estudos de tatuaxe da cidade, PXA BodyArt e Stay Gold Tattoo, tamén entregaron á administración municipal todo o material de protección co que adoitan traballar os seus artistas.

Ante a "elevada" solidariedade de particulares e empresas, o Concello de Pontevedra decidiu canalizar todos estes ofrecementos de material a través de Protección Civil, para que todos os artigos doados teñan unha "saída técnica adecuada".

As persoas interesadas en entregar este tipo de material de protección poderán chamar ao número 986 87 11 88, en horario de 10.00 a 20.00 horas.

O goberno municipal de Pontevedra destaca que estas doazóns permiten afrontar con maior garantías a loita contra o coronavirus, xa que sinala que "dabondo é coñecida" a escaseza que existe actualmente deste material en todo o país.

A este respecto, engade o Concello, Pontevedra solicitou á Subdelegación do Goberno completar a dotación dos servizos municipais de atención ao público, medida que non foi satisfeita "ante a gran demanda e as prioridades sanitarias".