A compra da gardería de Campelo, próximo obxectivo do goberno de Poio

Poio
26 de novembro 2023

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, "cumpre" coa primeira parte do seu obxectivo, que era "pagar preto de 70 facturas que se debía a autónomos e pequenos empresarios" por un valor de "423.804,64 euros". Agora, o seguinte chanzo é comprar a antiga gardería de Campelo e convertela no Centro de Día de Poio  

Ángel Moldes, alcalde de Poio Concello de Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, "cumpre" coa primeira parte do seu obxectivo, que era "pagar preto de 70 facturas que se debía a autónomos e pequenos empresarios" por un valor de "423.804,64 euros". Agora, o seguinte chanzo é comprar a antiga gardería de Campelo e convertela no Centro de Día de Poio.

Neste senso, Moldes destacou o "esforzo" realizado polo goberno local "facendo modificacións de crédito e recortando as partidas do orzamento" e calculou que "aínda quedan entre 400 e 500.000 euros en facturas pendentes, que se terán que incorporar ao orzamento de 2024".

O rexedor pide "paciencia coas facturas que aínda quedan pendentes de abonar" xa que para o seu goberno é "unha obsesión cumprir cos autónomos e empresas, porque ningún deles ten culpa do descontrol no gasto e do despilfarro que houbo neste concello durante tantos anos".

Por outra banda, con respecto á gardería de Campelo, Ángel Moldes amosa "ilusión" porque "pronto poida converterse nunha realidade. É un compromiso que adquirimos cos veciños". Ademais, engade que "é o momento idóneo para facerse con este inmoble e coa finca para evitar que o edificio continúe deteriorándose".

Finalmente, quere recordar que a segunda parte do préstamo (300.000 euros) está destinado para a adquisición desta parcela, "ubicada nunha zona adecuada", ao lado do Centro de Saúde e entre dúas parroquias moi poboadas.

A súa idea é asinar pronto a compra da parcela e poder comezar a negociar investimentos con outras administracións para facer que este servizo sexa unha realidade para a veciñanza de Poio.