Desde o pasado mes de outubro está en marcha a implantación da compostaxe individual nas vivendas unifamiliares do rural pontevedrés.
Empezando por Tomeza e continuando por Salcedo, agora chega a quenda da parroquia de Campañó cunha serie de charlas informativas nos centros sociais de Sabarís e de Cabaleiro.
A primeira delas será no Centro Social de Sabarís, onde están previstas dúas reunións. A do luns 2 de decembro está pensada para os residentes de Sabarís, A Boca, San Caetano e Bispo; e a do mércores 4 de decembro, para Soutonovo, Moldes, A Corredoira e A Galiana.
Pola súa banda, no Local Social de Cabaleiro as charlas serán o martes 3 de decembro para Cabaleiro e Casal do Mendo, o luns 9 para Parada de Baixo e Parada de Arriba, o martes 10 para Barra e Barragáns, o mércores 11 para Ribeiro e Casal do Rei, o xoves 12 para O Cachapal, Os Muíños e Banqueira, o venres 13 para Campañó de Arriba e Piñeiro, o luns 16 para O Freixo e Altabón, e, para finalizar, o martes 17 serán en Ferreirós, Carballiños, Cochón e Pedreira.
Todas as reunións serán ás 20:00 horas e están dentro da campaña de formación para os veciños, complementada con visitas domiciliarias realizadas por persoal cualificado para o asesoramento e apoio en materia de reciclaxe.
Desde a Concellería de Xestión dous residuos orgánicos e do Rural, rogan aos veciños que acudan ás reunións dos lugares onde se atopa a súa vivenda, senón poderán achegarse en calquera das outras datas sinaladas.
Con respecto a Tomeza e Salcedo, o Concello xa forneceu 524 composteiros, cifra que poderá aumentar nas próximas semanas despois das visitas domiciliarias que está a realizar a empresa encargada de repartilos.
De todos os xeitos, o Concello informa que todos os veciños e veciñas das parroquias xa visitadas cos que non se puido contactar, que poderán poñerse en contacto nos teléfonos 986 80 43 00 ext 7570, ou a través do correo electrónico compostaxe@pontevedra.gal.
O obxectivo deste proceso é cumprir coa lexislación europea vixente en materia de residuos, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar a xestión do lixo.