A compostaxe é un xogo para os escolares do colexio de Campolongo

Pontevedra
11 de decembro 2018

A vindeira semana participarán na iniciativa do Plan Revitaliza o CEIP Xunqueira I e o IES Valle Inclán, cuxo alumnado visitará un dos centros de compostaxe comunitaria da cidade

A rapazada aprende a compostar co "Xogo da miñoca" do Plan Revitaliza Deputación de Pontevedra

O alumnado de primeiro e segundo curso de Primaria do CEIP Campolongo están a aprender esta semana en que consiste a compostaxe a través dos xogos, charlas e obradoiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. En total son 150 os escolares que estes días están involucrados en coñecer máis sobre como facer dos biorresiduos un recurso como o compost.

Os xogos propostos polo persoal técnico do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) son actividades cooperativas e tradicionais adaptados á temática do lixo e que achegan conceptos sobre a compostaxe dun xeito lúdico.

O xogo que máis éxito está a ter é o "xogo da miñoca", no que a mascota educativa do Plan Revitaliza -un verme- vai facendo preguntas aos equipos formados nas clases sobre como se deben compostar os residuos orgánicos, que se debe botar na composteira e que non, onde se debe poñer a composteira, se é preciso remexela ou as características do compost e as súas propiedades, entre outras cousas.

Polo medio do ‘xogo da miñoca’ os escolares teñen que salvar algúns contratempos como, por exemplo, atrasar casiñas ou pasar xogadas sen tirar cada vez que o seu grupo cae na icona de accións negativas para a compostaxe: achegas de pintura, medicamentos, plásticos ou lixo impropio á composteira ou esquecer pechar a tapa desta.

A vindeira semana está prevista a realización de actividades no CEIP A Xunqueira I, así como tamén no instituto Valle Inclán de Pontevedra, onde haberá formación sobre compostaxe que culminará cunha visita a un dos centros de compostaxe comunitaria da cidade de Pontevedra.