A compañía Calmear ampliará a súa presenza no parque empresarial de Vilanova

O Salnés
28 de setembro 2022

A xerente da sociedade estatal SEA (Solo Empresarial do Atlántico), Beatriz Sestayo, informou da venda a Calmear dunha nova parcela, de 2.196 metros cadrados

Sinatura da compra dunha parcela en Baión por parte de Calmear SEA

A xerente da sociedade estatal SEA (Solo Empresarial do Atlántico), Beatriz Sestayo, asinou este mércores co responsable da empresa Calmear a venda dunha parcela de 2.196 metros cadrados do parque empresarial de Baión en Vilanova de Arousa.

Desta forma, a compañía dedicada á maquinaria industrial e á caldeiraría, que xa está a concluír a construción dunha nave empresarial no mesmo polígono empresarial, faise cunha nova parcela coa que poderá ampliar as súas instalacións.

A previsión da compañía, segundo explicou Joaquín Fernández, responsable de Calmear, é continuar o asentamento e crecemento da empresa nesta área empresarial. Actualmente, a compañía xa conta cun persoal de 60 persoas.

A parcela asinada esta mañá fora adxudicada no primeiro Consello de Administración de SEA celebrado neste 2022, no que tamén se deu luz verde á adxudicación doutros 2.715 metros cadrados a outra compañía, vinculada ao sector do transporte.

O parque empresarial de Vilanova de Arousa ten unha superficie neta de 142.723 metros cadrados.