A comisión para recuperar o xacemento de Adro Vello arranca sen a Xunta

O Salnés
06 de marzo 2021

Acordou trasladar a Xunta de Galicia unha nova proposta de actuación urxente para evitar a degradación do sistema dunar que rodea o enclave. O Concello do Grove compromete a reparación do pechamento perimetral e a limpeza e Deputación o asesoramento e control arqueolóxico para tódalas actuacións urxentes a acometer

Adro Vello O Grove Turismo Galicia

A comisión interadministrativa para abordar a protección, promoción e recuperación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello, en O Grove, botou a andar cun encontro telemático no que participaron a Deputación de Pontevedra, o Concello do Grove e o Servizo Provincial de Costas.

Tan só faltou a Xunta de Galicia, dado que non asistiron nin a Consellería de Medio Ambiente, nin a Consellería de Cultura, a pesar de ter sido invitadas e de que se trataron asuntos da súa competencia directa, segundo asegura o goberno provincial.

Nesta primeira sesión, celebrada en formato telemático, deuse conta do informe do arqueólogo provincial que alerta sobre os efectos que están a causar os temporais trala desaparición parcial da duna e dos empozamentos provocados polas choivas e os negativos efectos das escorrentías.

Neste senso lembrouse que a Consellería de Medio Ambiente propuxo que se activase un procedemento para a rexeneración dunar empregando técnicas de enxeñería branda, seguido dun proceso de rexeneración da cobertura vexetal, unha solución que os técnicos de Deputación e Concello comparten e ven axeitada.

Por elo, acordouse trasladar esta proposta á Consellería de Cultura como administración con competencias na protección do patrimonio para a súa contratación e execución.

Pola súa banda, o alcalde de O Grove anunciou o seu compromiso para repoñer o valado perimetral do xacemento unha vez que estas obras de contención dunar estean acometidas e a facer limpezas extraordinarias no enclave cara a época estival.

Como todas estas actuacións precisan de control arqueolóxico previo, pola súa banda, a Deputación de Pontevedra mostrou tamén a súa predisposición a colaborar con ámbalas dúas administracións, autonómica e local, para facilitar non só ese control senón para prestar asesoramento arqueolóxico a través do seu servizo provincial.

Dende a Xefatura Provincial de Costas destacouse a súa vontade en facer asesoría legal sobre os plans de futuro e proxectos relacionados cun xacemento que está situado en dominio público marítimo-terrestre.

Así, o xefe provincial explicou que as actuacións urxentes poden ampararse na figura da “autorización” recollida na Lei de Costas, sempre que sexan obras desmontables e non inclúan cimentacións. Non obstante, ao estar Adro Vello dentro de Rede Natura 2000 deixou moi claro que tódalas actuacións deben contar co informe favorable preceptivo e vinculante da Consellería de Medio Ambiente en base a un proxecto básico.

O xefe provincial de Costas tamén deixou claro que unha vez que a Consellería de Cultura remate o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Adro Vello e a súa contorna, será necesario que a Xunta de Galicia tramite nun prazo dun ano a solicitude do título de concesión administrativa para os terreos costeiros declarados BIC, previsto expresamente na disposición adicional terceira do Regulamento de Costas.