A Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra arquivou a denuncia interposta este sábado por un particular contra o grupo 'Vamos a todo' ao entender que a súa representación era unha "ofensa contra os sentimentos dunha confesión relixiosa", en alusión á relixión católica.
O que para o xurado do Entroido pontevedrés foi merecedor do segundo premio na categoría de grupos no desfile do pasado sábado, para o denunciante foi un agravio contra a súa relixión.
Lembremos que os integrantes do grupo ían vestidos de militares da Lexión e 'portaban' ao loro Ravachol crucificado, nunha parodia da procesión da Semana Santa de Málaga na que lexionarios do Terzo I da Lexión desfilan trasladando ao Cristo de la Buena Muerte.
Se o denunciante quere persistir na súa denuncia contra a escenificación de "El loro de la buena muerte", aínda pode presentar cargos ante a Fiscalía ou o xulgado de garda de Pontevedra.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría, por parte da Policía Nacional non se remitirán as actuacións á autoridade xudicial.