A colaboración cidadá permite deter dous agresores machistas en Pontevedra

Pontevedra
15 de novembro 2023

Dous homes foron detidos nas últimas horas en Pontevedra como presuntos autores de senllos delitos de violencia machista. A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, informou que estes dous casos "moi graves" rexistráronse no centro urbano

Vehículo da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Dous homes foron detidos nas últimas horas en Pontevedra como presuntos autores de senllos delitos de violencia machista.

Segundo informou este mércores a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, as detencións foron posibles grazas á colaboración cidadá.

Eva Vilaverde informou que estes dous casos "moi graves" rexistráronse no centro urbano.

O primeiro suceso tivo lugar este martes sobre as dúas da tarde nun domicilio da cidade. 

Varios veciños chamaron ás policías Nacional e Local alertando dunha forte discusión no interior dunha vivenda con berros e chamadas de auxilio por parte dunha muller. 

Os axentes que acudiron ata esa vivenda comprobaron que a vítima, de 24 anos, tiña lesións na cara, polo que foi trasladada en ambulancia ao Hospital Montecelo para ser atendida. Mentres, o home, que ten 30 anos, foi detido. Ambos eran parella desde hai un ano.

O segundo caso ocorreu sobre as catro da madrugada deste mércores en plena rúa. 

Unha testemuña presenciou como un home zarandeaba e propinaba dúas labazadas unha muller, polo que chamou á Policía Local, que detivo o agresor.

A vítima, de 43 anos, e o presunto agresor, de 53 anos, mantiñan unha relación sentimental desde había un par de meses.