A CIG organiza o domingo unha manifestación contra a suba do prezo da luz

Pontevedra
17 de setembro 2021

A concentración está prevista para as 12 horas na Praza da Peregrina e farase de forma simultánea noutras vinte vilas de Galicia

O BNG recolle firmas contra a subida do prezo da luz en Pontevedra PontevedraViva

A praza da Peregrina acollerá este domingo 19 unha concentración de protesta contra a subida do prezo da luz convocada pola CIG. A convocatoria ten como obxectivo conseguir a aprobación dunha tarifa eléctrica galega e a recuperación da xestión das centrais hidroeléctricas galegas.

Denuncian desde a central sindical que Galicia atópase nun proceso de "colonización enexética", sinalan facendo referencia a numerosos proxectos de parques eólicos e á "destrución" pasada de ríos coa construción dos diferentes encoros.

É por iso, que o sindicato pretende conseguir o recoñecemento da enerxía como un dereito fundamental e a creación dunha empresa pública galega que se ocupe da xestión das centrais hidroeléctricas do país. Así mesmo, demandan unha modificación do sistema tarifario para eliminar " peaxes" que elevan o prezo das facturas.

Ao mesmo tempo consideran necesario a modificación dos impostos presentes na tarifa eléctrica aplicando un tipo impositivo mínimo do 4% no IVE e eliminar o imposto á  generacion de enerxía que as empresas repercuten nos consumidores. Coa implantación da tarifa eléctrica galega, ao ser Galicia unha potencia excedentaria na produción de enerxía, esperan conseguir unha redución do 30% na factura.

Para conseguir todo isto están convocadas concentracións este domingo nas principais cidades de Galicia, entre elas Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Cangas ou Vigo.