A CIG mobilízase para esixir políticas que eviten a perda de poder adquisitivo da clase traballadora

Pontevedra
06 de outubro 2022

Medio centenar de persoas concentráronse este xoves fronte á sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar salarios dignos e políticas sociais adecuadas

Manifestación da CIG contra a perda de poder adquisitivo da clase traballadora diante da Subdelegación do Gobierno de Pontevedra PontevedraViva

Medio centenar de persoas manifestáronse este xoves fronte á sede da Subdelegación do Goberno de Pontevedra para protestar contra a perda de poder adquisitivo que está a padecer a clase traballadora como consecuencia dunha crise económica que se arrastra desde o ano 2008. 

Convocada polo sindicato CIG, ao mediodía deste xoves en todas as cidades de Galicia, os traballadores saíron á rúa para clamar contra unhas medidas ineficaces que están a conducir cara á pobreza á clase media. "A perda de poder adquisitivo é cada vez maior. Á gran maioría da poboación o salario non lle chega. Cada vez hai máis traballadores que non son capaces de facer fronte a un gasto extraordinario, unha avaría nun coche, por exemplo", sostén o secreatio comarcal da CIG en Pontevedra, Marcos Conde.

Denuncian desde a central que as medidas aplicadas polo Goberno non están a fornecer o efecto desexado. "Perxudican cada vez máis á clase traballadora", critica o portavoz sindical, poñendo como exemplo o atraso da idade de xubilación ata os 67 anos. 

Por todo isto, están convencidos de que a única vía para "recuperar dereitos" é seguir manifestándose. Xa a pasada semana tomaron as rúas de Santiago para denunciar esta situación, este xoves repetírono nas principais urbes de Galicia e non descartan intensificar as mobilizacións. 

Propoñen desde o sindicato un paquete de dez medidas urxentes encamiñadas a establecer salarios dignos e políticas públicas adecuadas que serven para capear a situación de crise e inflación que afecta actualmente a todos os estamentos da sociedade. Xa tras o estalido da crise do 2008, desde a CIG presentaran un documento cun centenar de medidas que, na súa maioría, nunca se chegaron a aplicar polos diferentes gobernos, denuncian desde o sindicato.