A CIG mobilízase nas cidades de Galicia pola subida das pensións

Pontevedra
04 de marzo 2021

O sindicato esixe a equiparación das pensións galegas, entre as máis baixas de España, ao salario mínimo interprofesional. Reclaman ademais unha mellor xestión dos servizos públicos ás persoas maiores

Manifestación da CIG pola subida das pensións en Pontevedra CIG

O colectivo de pensionistas e xubilados da CIG mobilizouse este xoves nas sete cidades galegas para reclamar a equiparación da contía da pensión mínima ao SMI, un servizo público galego de atención ás persoas, o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e o aumento de prazas públicas de centros de día e residencias.

Denuncia o colectivo que a pensión media galega é de 865,94 euros mentres que a pensión media no Estado é de 1.017,97 euros o que sitúa a Galicia á cola das comunidades do estado español, só por diante de Estremadura.

A situación é aínda máis grave para as mulleres. No ano 2019 as súas pensións foron uns 35% inferiores ás dos homes, con 677,73 euros de media as mulleres pensionistas, fronte os 1.042, 91 euros mensuais que cobraron os homes.

A central sindical esixe a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013, así como das reformas laborais que tanto o PSOE como o PP sacaron adiante co obxectivo de garantir a viabilidade do sistema público de pensións.

No que ten que ver coa atención ás persoas, a CIG demanda que se incrementen os orzamentos destinados á atención á dependencia e se aumenten as prazas públicas de centros de día e residencias, á vez que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida.

Lembran que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público, algo que consideran inadmisible nunha comunidade cada día máis envellecida. A isto hai que engadir que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que "sumando públicas e privadas, unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos", denuncian.

Por iso, o sindicato reitera a súa aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día e servizos de axuda no fogar. Para conseguilo a CIG promove unha proposición non de lei de iniciativa popular para a que xa botou a andar a recollida de firmas, que se desenvolverá durante o próximos catro meses.