A CIG-Ensino pide a dimisión da directora xeral de FP por planificar a desaparición de ensinanzas

Pontevedra
15 de xuño 2023

O sindicato nacionalista insta os centros que se ven afectados polo cambio da oferta ordinaria e modular á de distancia e pola expansión da dual, entre os que se atopa o CIFP A Xunqueira, a amosar o seu rexeitamento baixo o lema 'Non aos recortes e ao autoritarismo na FP'. Temen que estas medidas supoñan recortes de profesorado

Clase de FP CIG-Ensino

CIG-Ensino, como sindicato maioritario no ensino público galego, indica que son continuas as queixas do profesorado de FP desde que a Consellería de Educación enviou unha proposta pechada aos centros de oferta formativa para o próximo curso académico.

Sinala a central nacionalista que á tendencia xeral de apostar pola dual se suma outra estratexia ata o de agora "inaudita", a de promocionar a FP a distancia, mesmo de forma parcial. Desta forma, entenden que se substitúe a oferta modular ou a ordinaria presencial por este modelo en moitos centros. Entre estes casos citan ao CIFP A Xunqueira de Pontevedra.

Ante esta situación, a CIG-Ensino pide a dimisión de Eugenia Pérez, directora xeral de FP, ou a súa destitución inmediata por parte de Román Rodríguez, conselleiro de Educación. Consideran inadmisible que, sen previa negociación nin co profesorado nin coa súa representación sindical, se enviara aos centros unha proposta de oferta formativa para o próximo curso con apenas 24 horas para avaliala.

Alertan de que no departamento de Servizos á Comunidade do CIFP A Xunqueira de Pontevedra suprimen un ciclo de FP básica e transforman dous ciclos superiores ordinarios na modalidade a distancia, nun caso pasando a oferta parcial de módulos. 

Este recorte, segundo a CIG, supón catro docentes menos na especialidade de Servizos á Comunidade a falta de que se determine se o próximo ano poderán impartirse os segundos cursos destes ciclos.

O sindicato advirte do incremento na oferta educativa prevista en centros concertados e privados. Por este motivo consideran que a Consellería "engana o profesorado" e asegura que tanto o fomento da FP a distancia como da dual significará unha redución importante de postos de traballo, que se iniciará o próximo curso e vai intensificarse a partir de 2024/25.

Ante esta situación, invita o profesorado a que se concentre nos propios centros este venres 16 utilizando o lema: 'Non aos recortes e ao autoritarismo na FP!'.

RESPOSTA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Pola contra, desde a Consellería de Educación explican que, no caso do CIFP A Xunqueira, todos os estudantes que iniciaron un ciclo ordinario na modalidade presencial durante este curso 2022/23 poderán finalizalo no 2023/24 de maneira presencial.

Por este motivo, aseguran desde a Xunta de Galicia que "non son certas as afirmacións difundidas nas últimas horas"

Ademais, sinalan, propoñen unha nova opción a distancia e que será destinada a persoas de novo ingreso nos centros. Realízase, segundo expoñen, a pedimento do propio centro co obxectivo de aumentar o número de prazas, atender ás necesidades de distintos colectivos como traballadores en activo aos que esta modalidade, máis flexible, permítelles compatibilizar estudos e traballo, favorecer a conciliación e achegar a oferta á poboación do rural.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembra, ademais, que se trata dun ensino semipresencial, con titorías para atender ao alumnado.