A CIG denuncia que os PAC da Parda e Baltar non contaron con médico en Noitevella mentres se contrataban ambulancias externas

Pontevedra
02 de xaneiro 2023
Actualizado: 20:03

O sindicato denuncia a contratación de dúas ambulancias medicalizadas cun contrato externo, sen que as profesionais que traballaban nese fin de ano tiveran información da súa existencia

Centro de Saúde da Parda Mónica Patxot

Ata catro centros de saúde da comarca non contaron con cobertura sanitaria durante Noitevella e Aninovo nos seus Puntos de Atención Continuada (PAC), segundo asegura o sindicato CIG-Saúde.

Os centros en cuestión foron os da Parda en Pontevedra, Baltar en Sanxenxo, Cambados e Vilagarcía, en diferentes quendas.

Mientros isto pasaba, denuncia o sindicato, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contratou de maneira externa a dúas ambulancias medicalizadas para cubrir a última noite do ano "sen que os profesionais que traballaban nese fin de ano tivesen información da súa existencia, nin nos PAC nin no 061".

Estas ambulancias cubriron as quendas das 15.00 horas do día 31 de dicimebre e das 8.00 horas da mañá do día 1 de xaneiro nos PAC da Parda e de Baltar.

Tratábase dos ambulancias de clase C, con soporte vital avanzado, dotadas de persoal técnico de emerxencias sanitarias e de persoal médico, externos ao Sergas e sen autorización para acceder á historia clínica electrónica dos pacientes e tampouco para traballar no interior dos centros de saúde, afirman.

Segundo sinala a CIG, a información trasladada pola xerencia da área sanitaria sobre os centros afectados polas faltas de cobertura non recollía a contratación destes servizos externos nin as competencias para desenvolver por estes profesionais.

UNHA "ACTUACIÓN RESPONSABLE" SEGUNDO A ÁREA  SANITARIA

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, saíu ao paso destas acusacións defendendo o dispositivo habilitado como "unha actuación responsable".

Segun Flores a contratación das ambulacias enmárcase dentro de "dispositivos preventivos que se dispoñen de forma habitual para facer fronte á maior asistencia de persoas", e que nesta ocasión coincidiron coa ausencia de facultativos nalgúns PAC.

"Actuamos de forma responsable. Fixemos unha contratación dun servizo preventivo de maneira que unha vez que os pacientes acudían a un destes puntos de atención continuada e eran vistos polas enfermeiras e necesitaban algún tipo de consulta médica, as consultas eran realizadas nese dispositivo preventivo", explicou en alusión ás ambulancia da Parda e Baltar. Iso "conseguiu que todos aqueles pacientes con patoloxías menores que acudían a estes PAC nos que non tiñamos disposición de ter médico de garda, evitaban ser derivados aos hospitais, neste caso ás urxencias do hospital de Montecelo, polo cal evitamos a saturación dos hospitais", asegurou.