A CIG de Pontevedra esixe a convocatoria de todas as prazas de medicina de familia vacantes en Atención Primaria

Pontevedra
21 de novembro 2022

O sindicato asegra que a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de confirmar que ofertará só as interinidades de persoal médico dos PAC, cando quedara en facelo con todas 

Pacientes na entrada do centro de saúde Virxe Peregrina Mónica Patxot

A CIG-Saúde de Pontevedra esíxelle á Xerencia da Área Sanitaria que se convoquen, de xeito inmediato, todas as prazas de medicina de familia vacantes en Atención Primaria, tanto nos PAC como nos centros de saúde. Dende a central sindical denuncian que a Xerencia vén de confirmar que ofertará unicamente as interinidades de persoal médico dos PAC, cando na última xuntanza quedara en facelo con todas.

Dende a CIG-Saúde inciden en que as dificultades para cubrir prazas de Medicina de Familia nos PAC “non poden ser utilizadas como coartada para pechar PAC ou desmantelar o actual modelo de atención primaria, con PAC e centros de saúde próximos á cidadanía, nin tampluco se pode coartar a liberdade dos profesionais de elixir as prazas que mellor se axeiten á súa situación”.

Neste senso, explican que o xoves pola tarde a directora de atención primaria confirmou que ían ofertar só as interinidades de persoal médico de PAC, “cando na última xuntanza que tivemos quedamos en que se ofertarían toda xuntas: 11 de médicos de familia, 15 de PAC e 3 de facultativo especialista en atención primaria”.

Pero agora, coa escusa de que hai moito “estrés” nos PAC queren ofertar primeiro esas prazas para forzar a cubrilas, “pero non teñen tantos demandantes, e os facultativos que non as queiran non as van pedir porque saben que faltan por saír as de centros de saúde; e non van poder sancionar porque non teñen persoal médico suficiente”. Ademais, córrese o risco de que outras áreas sanitarias convoquen esas prazas “e na nosa perdamos facultativos”.

Dende a central sindical rexeitan tamén o argumento da Xerencia de que deste xeito poderán atraer a profesionais de fóra, “algo que vemos difícil, xa que atraerían máis ofertando todas as vacantes”. Por non falar de que cubrindo con médicos de familia os centros de saúde aliviarían os PAC.

Por todo isto, para a CIG-Saúde de Pontevedra non hai razón para ofertar as prazas por partes, salvo que sexa estratexia calculada para convencer á poboación de que o persoal médico non quere traballar nos PAC e que por iso teñen que reagrupalo, deixando só os profesionais máis próximos ás grandes localidades, e quedando as pequenas sen atender. “Non se pode consentir que as vacantes queden sen convocar e a poboación sen atender” rematan.