A CIG alerta da situación de emerxencia social que vive o país pola precarización laboral

Pontevedra
01 de maio 2023

Este primeiro de maio a central nacionalista saía á rúa ás 11.30 horas partindo da praza da Ferrería para concluír, como é tradicional, na praza do Teucro. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro; e o parlamentario autonómico do BNG, Luís Bará, participaron na marcha

Manifestación da CIG o 1º de maio PontevedraViva

Este primeiro de maio a central nacionalista CIG saía ás rúas de Pontevedra ás 11.30 horas partindo da praza da Ferrería para concluír, como é tradicional, na praza do Teucro.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro; e o parlamentario autonómico do BNG, Luís Bará, participaron na marcha, entre outros cargos públicos do Bloque Nacionalista Galego.

Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, explicaba que Galicia permanece nunha situación de emerxencia social xa que "vivimos moito peor que hai uns poucos anos", apuntou indicando que a esperanza dun goberno progresista do PSOE e Unidas Podemos quedou nun "anuncio estéril" xa que as políticas veñen ditadas de Europa, argumentou.

Explicou que o futuro da clase traballadora está marcado por esas políticas europeas e en Galicia a Xunta mantense nun "papel de colonia" mirando para Madrid e mantendo esas mesmas liñas, asegurou Marcos Conde.

"Precariedade, miseria e pobreza" é o que, segundo o representante da CIG, está a marcar a vida da clase traballadora sen políticas industriais propias en Galicia e dependendo de proxectos externos sen atender o efecto que produce na poboación galega.

Conde asegura que é necesario saír á rúa e lembrou que o sindicato nacionalista realiza actos decote na comarca para reivindicar a recuperación de dereitos en todos os sectores. Anunciou que seguirán manifestándose para "parar o saqueo", lema da central para as manifestacións convocadas neste 1º de maio.