A cifra de hospitalizados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés descende ata os 62, unha decena menos que o xoves

Pontevedra
10 de abril 2020

A área sanitaria superou por primeira vez a barreira dos 100 pacientes recuperados tras sumar 11 altas hospitalarias nas últimas 24 horas e conta cun caso menos activo no total, con 469, segundo os datos oficiais achegados pola Consellería de Sanidade

Evolución do casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra ata o venres 10 de abril Fonte dos datos: Xunta de Galicia

A presión hospitalaria na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue baixando aos poucos co paso dos días, ao descender a cifra de persoas hospitalizadas positivas no coronavirus Covid-19.

Segundo os datos oficiais ofrecidos este Venres Santo pola Consellería de Sanidade, 62 pacientes permanecen ingresados entre os hospitais de Montecelo, O Salnés (3) e  QuirónSalud Miguel Domínguez (1), o que supón 10 menos que 24 horas antes e un descenso de 52 desde o venres da pasada semana, a pesar de que os casos totais de diagnosticados por coronavirus son maiores.

En total na área sanitaria hai 469 casos activos, un menos que o xoves, dos que 407 persoas permanecen nos seus domicilios e 13 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), manténdose estable esta última cifra.

Así mesmo non se produciron falecementos asociados ao Covid-19 no último día, mantendo o número de defuncións en 11, mentres que as altas hospitalarias excederon por primeira vez a barreira do centenar con 11 novas altas tramitadas para un total de 108 pacientes curados.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.631 (+80), dos que 1.151 son da área da Coruña, 571 da de Lugo, 1.082 da de Ourense, 1.074 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 321 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 149 permanecen en UCI, 766 están en unidades de hospitalización e 4.716 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 997 altas de pacientes e 318 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 39.432.

A Consellería de  Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.