A cifra de contaxios por covid, disparada na área sanitaria: 64 positivos nun día e 321 casos activos

Pontevedra
01 de xullo 2021

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta este xoves 1 de xullo con 59 casos activos de coronavirus máis que a xornada anterior. Non se superaban os tres centos de afectados desde o pasado 26 de maio

Cartel test covid no Hospital Provincial Isabel Feijóo

A escalada non parece ter freo nas últimas xornadas. A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reflicte no balance oficial diario do Servizo Galego de Saúde deste xoves 1 de xullo un importante número de novos contaxios por covid.

En concreto segundo o Sergas detectáronse 64 positivos nas últimas horas, o que fixo superar máis dun mes despois (desde o 26 de maio) a barreira dos tres centos de afectados na área pontevedresa. Así, a cifra de casos activos disparouse ata os 321, o que supón 59 máis que o mércores, xa que só se compensou con 5 altas epidemiolóxicas.

Ademais o Hospital do Salnés sumou un novo paciente ingresado nas súas instalacións, en planta (4), que se suman aos 3 que evolucionan tamén en planta no Complexo Hospitalario de Pontevedra e as tres persoas que permanecen na Unidade de Coidados Intensivos.

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 14.206 pacientes de Pontevedra e O Salnés rexistrándose 181 falecementos de persoas con positivo activo.

Na última xornada realizáronse 371 probas PCR na área sanitaria.