A iluminación de Nadal con máis conciencia ecolóxica e tamén a máis polémica de Pontevedra chega ao seu fin. Este domingo 8 de xaneiro, apagaranse as luces que desde o 16 de decembro iluminan a cidade, dicindo adeus a unha época festiva marcada por grandes aglomeracións de xente polas rúas de Pontevedra e en masiva asistencia aos seus actos públicos, en especial, a cabalgata de Reyes.
A iluminación estivo acendida entre o 16 de decembro no seu horario habitual, de 18:00 a 02:00 horas, aínda que se alongou ata as 4.00 horas os días de Noiteboa e Fin de Ano de forma excepcional. Na madrugada deste domingo a este luns apagarase.
Este ano o Concello de Pontevedra decidiu atrasar o aceso ata o 16 de decembro e a decisión causou gran polémica na cidade, onde os comerciantes e hostaleiros recolleron firmas para mostrar o seu malestar e xurdiu o movemento #IluminaPontevedra para buscar a colaboración cidadá para que "entre todos e sen axuda de estamentos públicos de ningunha cor", poida "brillar tamén en Nadal".
A polémica chegou mesmo ao seo do Goberno municipal, pois a parte socialista, a través da concellería de Promoción Económica, adiantou o aceso do mercado municipal ao 5 de decembro.
A parte do BNG xustificou, a través de diferentes concelleiros e do propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que que este atraso é un "xesto simbólico" para aumentar a concienciación da sociedade respecto do consumo "excesivo" de enerxía e da loita contra o cambio climático.
O PP, que encabeza a oposición, criticou o atraso, e tamén entidades empresariais como AEMPE ou AJE. O seu líder, Rafa Domínguez, criticou que o atraso se debeu a un erro que agora o BNG tenta xustificar alegando causas ambientais e de aforro enerxético, pois se licitou o 8 de novembro, período demasiado tardío para este procedemento, e a finais de novembro o contrato aínda non estaba asinado. Así, cuestionou que estaban "a tratar de ocultar unha chapuza" administrativa.
A iluminación supuxo un investimento de 140.000 euros contratada á empresa Creacións Luminosas, orzamento ao que hai que unir o contratado polas asociacións comerciais da cidade, Zona Monumental e AEMPE, e tamén o custo da iluminación do mercado de abastos, 40.000 euros.
Incluíu a instalación dunha árbore de 20 metros na Ferrería, outra de 10 metros en Méndez Núñez e catro bólas no Hospital Provincial, Rosalía de Castro, Praza de Compostela e Peregrina. Tamén se decoraron os principais edificios administrativos, as rúas do centro histórico e as vías máis comerciais, os accesos á cidade, os camelios da Praza de Ourense, un almendro en Barcelos e a árbore do cruzamento de Eduardo Pondal con Uxío Novoneira e Gorgullón e instalouse un corazón en Monte Porreiro e unha árbore na Parda.