Pontevedra acolle xa no seu Museo Provincial Galicia, de Nós a nós, unha exposición da Cidade da Cultura que pon o foco na historia da revista Nós, que ademais de ser clave na conformación da cultura e a identidade galega contemporánea, ten tamén unha fonda conexión emocional coa cidade. A mostra, organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense xunto á Deputación de Pontevedra, foi inaugurada o pasado outono No Museo Gaiás en Santiago de Compostela –coincidindo co centenario da saída do prelo da revista Nós– e pode agora visitarse ata o 11 de xullo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Con esta exposición o Goberno galego avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía contidos producidos na Cidade da Cultura, impulsando un plan de itinerancias das súas exposicións e traballando para que o Gaiás opere como unha factoría de proxectos culturais que circulen por outros espazos da Comunidade. Galicia de Nós a nós é unha das tres grandes exposicións da Xunta no marco do Xacobeo 2021-2022 que xa foi visitada por 22.000 persoas en Santiago de Compostela e Ourense, ás que se suman outras 7.000 participantes no programa de visitas interactivas e didácticas a través de videoconferencia.
PONTEVEDRA, CIDADE 'NÓS'
A mostra completa agora un programa de itinerancias que a levou primeiro a Ourense, e que chega a Pontevedra pondo de relevo a conexión da cidade con esta publicación, xa que foi precisamente arredor dunha mesa da terraza do café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas plantaron o xerme da súa creación en xuño de 1920. A Castelao, que sería o seu director artístico, débeselle tamén o simbólico título da publicación, o mesmo co que designara os debuxos do seu coñecido álbum.
Organizada pola Xunta e a Deputación de Ourense xunto á Deputación de Pontevedra, pode visitarse ata o 11 de xullo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
O primeiro número da revista saíu do prelo en Ourense e a partir de entón a publicación comezou un devir que esta exposición permite debullar polo miúdo, pasando a editarse na Coruña e tamén en Santiago de Compostela, agás os tres derradeiros números, que se imprimirán en Pontevedra.
UNHA VIAXE AO BERCE DO GALEGUISMO CONTEMPORÁNEO
Comisariada por Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, Galicia, de Nós a nós exhibe un conxunto de máis de 300 obras, cedidas por máis de 60 institucións e prestadores privados, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.
A mostra permite contemplar pezas como o mapa elaborado polo xeógrafo pontevedrés Domingo Fontán, unha obra adiantada ao seu tempo que marcaría a traxectoria vital do tamén xeógrafo Otero Pedrayo; a primeira tese doutoral sobre lingua galega –realizada pola lingüista alemá Margot Sponer, colaboradora da publicación–; a bandeira do Consello de Galicia que foi empregada nas exequias de Castelao; ou o manuscrito do 'Noiturnio do adolescente morto', ditado por Lorca a Ernesto Guerra da Cal e cedido polo poeta andaluz a Eduardo Blanco-Amor para formar parte da edición dos 'Seis poemas galegos', que Nós tirou do prelo. Ademais, Galicia, de Nós a nós reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar en detalle a historia da publicación.
A exposición pode visitarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ata o 11 de xullo, con entrada de balde. As horas de visita son de 10,00 a 21,00 horas de martes a sábado, e de 11,00 a 14,00 horas os domingos e festivos, permanecendo pechada os luns.