A cidadanía pontevedresa plántase ante os "abusos" dos bancos

Pontevedra
08 de febreiro 2022

A Federación de Asociacións de Veciños de Pontevedra Castelao organizou este martes diante da oficina de Abanca a primeira dunha serie de protestas veciñais contra a cobranza de comisións ou a falta de atención persoal

Protesta veciñal contra o cobro de comisións e a falta de atención persoal nos bancos Mónica Patxot

A oficina de Abanca da rúa Augusto García Sánchez foi escenario este martes da primeira dunha serie de mobilizacións promovida pola Federación de  Asociacións de Veciños de Pontevedra Castelao co obxectivo de denunciar os "abusos" que, ao seu entender, están a exercer os bancos sobre os seus clientes.

"Non pode ser que Abanca teña 323 millóns de beneficio e a nós nos queimen a comisións", denuncia o presidente do colectivo veciñal, Juan Manuel Loureiro.

Non só a cobranza de comisións por calquera operación bancaria motiva esta protesta, o límite de horario presencial ata as 11 horas, a obrigatoriedade de realizar trámites en caixeiros e non en ventanilla ou os problemas coa seguridade no acceso á banca electrónica son outro dos defectos na atención destas entidades. "Non pode ser que o horario de atención das oficinas remate as 11 da mañá", protestan os afectados.

Avanzan desde o colectivo Castelao que a deste martes foi só a primeira dunha serie de mobilizacións. "Faremos máis diante doutras entidades", aseguran antes de explicar que elixiron Abanca en primeiro lugar por tratarse dunha marca galega.

Ademais, esperan contar pronto co apoio do movemento veciñal de toda Galicia, cos que esperan organizar unha manifestación masiva contra os "abusos" das entidades bancarias nunha data e un lugar aínda por determinar.