A chuvia frustra a homenaxe a Xela Arias en Montero Ríos

Pontevedra
15 de maio 2021

A chuvia, coa que non se contaba nas previsións meteorolóxicas, obrigou a suspender o espectáculo X Xela. Os organizadores agardaron case media hora pero a auga non deixou de caer e fixo que a posta en escena non fora segura polos elementos electrónicos

Cancelación do espectáculo "X Xela" Deputación de Pontevedra

Todo preparado tiña a Deputación de Pontevedra para conmemorar o Día das Letras Galegas que se lle dedica a Xela Arias cun espectáculo de imaxe, poesía e música que non puido celebrarse finalmente polas condicións climatolóxicas.

A chuvia, coa que non se contaba nas previsións meteorolóxicas, obrigou a suspender o espectáculo X Xela. Os organizadores agardaron case media hora pero a auga non deixou de caer e fixo que a posta en escena non fora segura polos elementos electrónicos.

Ante esta situación, a Deputación, de acordo coa Banda da Loba e as poetas Helena Salgueiro, Vanessa Glemsel, Nuria Vil e Estíbaliz Espinosa, decidiu adiar o acto ata unha nova data aínda por fixar e que se comunicará proximamente.

Nove mulleres no escenario, cinco músicas da Banda da Loba e catro poetas actuais galegas cos retratos de Xela Arias de fondo, eran o fío condutor deste espectáculo que, ademais, ía comezar cun vídeo da propia Xela Arias lendo un dos seus poemas, unha peza moi singular por ser o único documento audiovisual existente dela sobre a súa obra.

X Xela ía ser a estrea da programación provincial que se estenderá durante todo o ano baixo o lema 365 días en galego.