Oito agrupacións enfrontáronse a unha noite desapracible e marcada polos chuvascos para intentar divertir ao público que, baixo paraugas, se achegou ao centro de Pontevedra para ver, un ano máis, as divertidas recreacións da Mostra da Parodia a partir das 23.00 horas deste venres 20 de febreiro.
O evento contou con grupos veteranos como Os de Sempre na Praza de Ourense ou Amoriños de Bora e a súa Escola Naval con mariñeiros que embarcaban na Praza da Peregrina.
As exhibicións completábanse co Torneo Medieval situado no cruzamento entre Gutiérrez Mellado e Michelena; o monicreque dos piratas; Equipo Ja; Os do Val do Lérez; Os das pistas; Vamos a todo e Os Fojeiras de Sanxenxo que desenvolveron diferentes espectáculos dende a Praza de España ata a entrada de Benito Corbal, tras o santuario da Peregrina ata as 2.00 horas da madrugada.
O primeiro premio foi para o Equipo Ja, mentres o segundo foi parar a Val do Lérez. O bicheiro "El musical".
DESFILE DE ENTROIDO
Durante este sábado 21, o protagonismo dos actos do Entroido será para o desfile polo centro de Pontevedra tras a suspensión durante o pasadó sábado debido ao mal tempo. As previsións meteorolóxicas contemplan que para esta xornada o tempo se manterá estable e permitirá o desenvolvemento do evento con normalidade.
Como é habitual, comezará ás 17.00 horas na rúa José Malvar e o séquito de comparsas finalizará o percorrido na contorna da Alameda.
O domingo se desenvolverá o enterro do Ravachol nunha xornada na que se agarda, de novo, a presenza de precipitacións.