A choiva tira abaixo un muro de contención da praia de Canelas

Sanxenxo
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Sanxenxo solicita a Costas que realice a reparación canto antes para frear a degradación do espazo dunar

A choiva tira abaixo un muro de contención da praia de Canelas Concello de Sanxenxo

As intensas choivas rexistradas nas últimas semanas provocaron o esborralle dun pequeno muro de contención nunha das entradas da praia de Canelas. A caída do muro está a afectar ademais ao espazo dunar situado na parte alta do areal.

Tras unha visita ao lugar por parte do alcalde, Telmo Martín e o concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, o Concello solicitará a Costas que acometa a reparación canto antes para evitar a degradación na contorna natural. As fortes precipitacións causaron a caída de preto de 10 metros lineais de muro que haberá que volver recolocar.

Pola súa banda, o Concello prevé ademais mellorar esa entrada á praia polo que solicitou unha subvención para a recuperación do sistema dunar, a eliminación da circulación rodada e a mellora do acceso peonil. O proxecto que rolda os 40.000 euros foi presentado á liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

A actuación prevé salvagardar o ecosistema dunar, creando unha infraestrutura que protexa a duna do continuo piso dos usuarios. Así, está prevista a construción dunha pasarela pivotada na zona do aparcamento conectada con outra para entrada no areal para o uso e goce da praia, dita pasarela aos lados unha varanda para evitar que os peóns accedan á duna. Ademais, esta acción é inclusiva xa que permite que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder á praia.