A choiva non detén a loita contra a 'basuraleza' de Vaipolorío e Cruz Vermella

Pontevedra
11 de marzo 2023

A choiva que caeu durante toda a mañá deste sábado non impediu o éxito da xornada de limpeza promovida pola alianza entre Cruz Vermella e Libera con Vaipolorío no tramo urbano do Gafos. A mañá comezou coa limpeza das beiras do río entre a estación de autobuses e a zona de Ponte Boleira

Voluntarios de Cruz Vermella e Vaipolorío no paseo dos Gafos PontevedraViva

A choiva que caeu durante toda a mañá deste sábado non impediu o éxito da xornada de limpeza promovida pola alianza entre Cruz Vermella e Libera con Vaipolorío no tramo urbano do río Gafos. 

A mañá comezou coa limpeza das beiras do Gafos entre a estación de autobuses e a zona de Ponte Boleira e, a continuación, incluíu unha charla sobre o labor de Vaipolorío.

A actividade busca acabar coa 'basuraleza', un termo acuñado desde o proxecto Libera que define a contaminación das contornas naturais por residuos de orixe humana, unha catástrofe ambiental que afecta a todas as especies, incluído o ser humano.

O obxectivo da campaña ‘basuraleza’ é incidir na prevención para que os residuos que xeramos non sexan abandonados en contornas naturais

Desde hai sete anos, Cruz Vermella e o Proxecto Libera levan a cabo este programa para cuantificar e clasificar os residuos presentes nas praias, ríos, montes e mares, co fin de evitar a súa deterioración. As diferentes campañas e mostraxes de recollida de ‘1m2 contra a basuraleza’ realízanse en catro momentos diferentes do ano, ao longo de todo o territorio nacional.

Os residuos plásticos son os que máis predominan en todas as campañas de recollida, cun 36,4% de presenza sobre o total de desfeitos, e os obxectos máis contaminantes por excelencia son as cabichas, das que se contabilizan un total de 11.915 recollidas, seguido das latas de bebida e bolsas.

Cruz Vermella ten o compromiso de reverter este problema mediante a realización de talleres relacionados coa diminución do consumo de produtos e trata de aumentar a conciencia sobre o impacto que produce o lixo na contorna natural ao longo de todo o ano.