A chegada da Alta Velocidade en decembro deixará en catro horas a viaxe entre Pontevedra e Madrid

Pontevedra
12 de outubro 2021

Reducirá entre 54 minutos e 1 hora 28 minutos os tempos de viaxe nas relacións que enlazan Galicia e Madrid. Nunha segunda fase, reduciranse outros 20 minutos máis coa chegada dos futuros trens S/106 

Tren da serie 106 de Talgo (Avril) Renfe

A finalización das obras a liña de Alta Velocidade entre Madrid e Galicia, prevista para decembro deste ano, permitirá reducir os tempos de viaxe dos servizos de Renfe entre 54 minutos e 1 hora e 28 minutos.

A viaxe entre Pontevedra e Madrid quedará en catro horas.

Esta redución inicial complementarase cun aforro do tempo de viaxe de 20 minutos máis durante verán de 2022, unha vez Renfe poña en servizo nesta liña os trens da serie 106 de Talgo ( Avril), os máis modernos da compañía e de ancho variable, polo que poden chegar a todas as capitais galegas.

Este mes de decembro, unha vez que finalicen as obras da Liña de Alta Velocidade ata Ourense, os servizos actuais recortarán os seus tempos de viaxe con Madrid. Entre Ourense e Madrid os tempos reduciranse ata 1 hora e 28 minutos, os trens de Vigo e Pontevedra recortarán os seus tempos actuais en 54 minutos, Santiago reducirá 1 hora e 4 minutos o tempo de viaxe, A Coruña 1 hora e 3 minutos, mentres que Lugo acurtará en 57 minutos a duración da viaxe.

Deste xeito, os mellores tempos de viaxe con Madrid quedarán en 4:00 horas entre Pontevedra e Madrid; Ourense-Madrid: 2:15 horas; Vigo-Madrid: 4:16 horas; Santiago-Madrid: 3:20 horas; A Coruña-Madrid: 3:51 horas; Lugo-Madrid: 4:46 horas.

Nunha segunda fase, prevista para o próximo verán, Renfe espera reducir en 20 minutos máis os tempos da lista anterior. Isto será posible grazas á chegada dos trens da serie 106 de Talgo, coñecidos como Avril. Estes trens de ancho variable foron adxudicados en novembro de 2016 por Renfe e permiten velocidades comerciais máximas de 330 quilómetros por hora.

Estes trens xa se atopan rodando en fase de probas e está previsto que entren en servizo en Galicia durante o próximo verán. Nese momento os tempos de viaxe entre Galicia e Madrid serán ao redor dunha hora e media inferiores aos actuais.