A central de transportes modifica os seus usos e ábrese a proxectos industriais e terciarios

Ponte Caldelas
03 de marzo 2022

Deste xeito, aténdese á demanda nesta área industrial da periferia urbana da cidade de Pontevedra, sen precisar dunha reurbanización, senón só o cambio a usos industriais xenéricos, similares aos dos polígonos da Reigosa e do Campiño, cos que limita

Proposta de modificación da Central de Transporte Xunta de Galicia

O Consello da Xunta aprobou este xoves a modificación do plan sectorial da Central de Transportes de Ponte Caldelas.

Trátase dunha superficie de 34.000 metros cadrados que nuncha chegou a utilizarse e que agora a Xunta porá a disposición do tecido empresarial e industrial para outros usos.

Este cambio implica abrir os usos permitidos neste ámbito, limitados ata o de agora aos loxísticos, aos usos industriais e terciarios habituais dos parques empresariais.

Deste xeito, aténdese á demanda nesta área industrial da periferia urbana da cidade de Pontevedra, sen precisar dunha reurbanización, senón só o cambio a usos industriais xenéricos, similares aos dos polígonos da Reigosa e do Campiño, cos que limita.

De feito, as obras de urbanización están case rematadas, salvo a construción de beirarrúas, que non existían no proxecto inicial ao tratarse dunha zona dedicada ao transporte. Por este motivo, está prevista a construción de máis de 2,8 quilometros de beirarrúas.

Non obstante, a modificación supón alteracións no deseño deste ámbito que abarca en total case 87.000 metros cadrados, ao ampliar a superficie reservada para a rede viaria local en 17.000 metros cadrados, ata chegar aos 38.740; aumentar en case 1.000 metros cadrados os espazos libres, ata os 11.663 metros cadrados, con novas sendas peonís; e elevar as prazas públicas de aparcamento ata as 361.

O parque organizarase en 43 parcelas cunha dimensión mínima de 450 metros cadrados e máxima de case 1.000 metros cadrados.