Á caza de tesouros nun tesouro

Poio
09 de novembro 2022

O alumnado de quinto de Primaria do colexio de Chancelas inaugura o City Chase de Combarro, unha actividade escolar destinada a descubrir, a través da investigación, a orientación e a fotografía; os segredos dunha vila que está a celebrar o 50 aniversario da súa declaración como Conxunto Histórico

Escolares do colexio de Chancelas que participan no City Chase de Combarro PontevedraViva

O alumnado de quinto de Primaria do colexio de Chancelas tomou este mércores as históricas rúas do núcleo de Combarro para completar o seu primeiro City Chase, unha mestura entre exercicios de orientación e de procura do tesouro que levou aos estudantes ás zonas máis emblemáticas e recónditas deste conxunto histórico para descubrir todos os seus segredos. 

Ao longo de hora e media, divididos en pequenos grupos de cinco participantes e armados cun mapa e unha cámara de fotos, os escolares afanáronse por resolver todos os enigmas dunha actividade promovida polo Concello de Poio e a empresa de xestión de lecer educativo Marexada que terá continuidade en próximas datas co alumnado de todos os centros de Educación Primaria do municipio.

Ao redor das 11.30 horas, os quince participantes iniciaron a proba desde a praza de Chousa. Desde alí desprazáronse á zona alta do pobo realizando paradas nos cruceiros, no edificio do Ateneo ou na igrexa vella de San Roque para logo continuar pola zona máis próxima ao mar e descubrir os peiraos e hórreos desta histórica vila mariñeira. 

"É un percorrido pola historia do pobo e é moi interesante para eles porque moitos residen en Combarro pero descoñecen moitas cousas do seu pobo porque ás veces estamos desligados da cultura dos nosos avós e avoas", explicaba Josué, o monitor da actividade. "É moi dinámico porque teñen que ir por unha lado e por outro, ás veces equivócanse e terán que decidir en equipo", engadía.

Con todo o traballo de investigación previo realizado polos escolares foi moi exhaustivo e todos chegaron a este City Chase como verdadeiros expertos na historia e cultura de Combarro. "Mandáronnos unha programación didáctica moi ben documentada con todas as características de Combarro", recoñeceu o profesor Javier Prado.

Con este material, que incluía explicacións, exercicios e retos adaptados á idade dos estudantes de quinto de Primaria, os participantes foron descubrindo a importancia dos elementos arquitectónicos máis emblemáticos de Combarro, as persoas máis relevantes da súa historia e como era a vida nesta vila mariñeira o século pasado.

"Tiveron que entrevistar aos seus avós para preguntarlle como era a vida en Combarro cando eles eran pequenos. Esas gravacións as colgamos na radio do cole coas respostas dos maiores", explica orgulloso Prado un dos traballos previos a esta actividade de rúa.

Un exercicio que serve para facer reflexionar a pequenos e maiores porque "ás veces fixámonos moito no que hai fóra e descoñecemos o que temos preto, que é marabilloso. Sabemos que vén moita xente a ver Combarro pero non sempre sabemos por que", valoraba o mestre.

Durante o City Chase, os participantes non só resolveron todos os enigmas expostos, tamén tiveron tempo para ensinar aos seus compañeiros de clase as súas casas ou os lugares favoritos de Combarro, que celebra este ano o medio centenario da súa declaración como Conxunto Histórico.

Acompañando aos escolares estiveron as concelleiras de Educación e Cultura, Raquel Rodríguez; e a de Patrimonio, Marga Caldas. "É unha fórmula eficaz, amena e divertida para que os nosos nenos e nenas poidan coñecer un lugar tan importante como Combarro dunha forma máis completa, sendo conscientes dos segredos e atractivos que en moitas ocasións poden mesmo pasar desapercibidos para moitos visitantes”, sinala Rodríguez.