A casa familiar dos Araújo e o cemiterio de San Amaro, foco de atención para buscar a Sonia Iglesias

Pontevedra
22 de febreiro 2018

A Policía Nacional rastreou palmo a palmo a vivenda cunha orde xudicial e agora será necesario analizar en laboratorio as probas recollidas, trámite que se podería demorar durante longo tempo. De momento, non existe orde xudicial para ningún outro rexistro nin dilixencia

Cemiterio de San Amaro PontevedraViva

Os investigadores da Policía Nacional teñen nestes momentos dous focos de atención nos que se sospeita que podería atoparse un pouco de luz sobre a misteriosa desaparición de Sonia Iglesias en agosto do ano 2010.

Un deles é a vivenda familiar do barrio de San Amaro en que a desaparecida viviu coa súa ex parella, Julio Araújo, ata pouco despois de que nacera o seu fillo e na que se realizaron dous días de rexistros esta semana. O segundo, o cemiterio de San Amaro, situado a apenas uns metros da vivenda.

Fontes coñecedoras do caso consultadas por este xornal indicaron que unha evidencia de que as investigacións da Policía Nacional se centren nese punto son as preguntas que lle fixeron os investigadores a Julio Araújo este mércores, cando acudiu a declarar en calidade de investigado por un delito de homicidio á Comisaría Provincial. Entre esas cinco preguntas que lle fixeron figuran varias referidas ao cemiterio e á casa, tales como se realizou algún tipo de actuación no panteón familiar ou se o seu irmá axudouno a realizar algún tipo de movementos en relación con este asunto.

A causa xudicial reaberta no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra para aclarar a desaparición de Sonia Iglesias está declarada secreta, de modo que PontevedraViva non puido acceder ao motivo de que as investigacións se centren neses dous puntos. Ao respecto, o programa de Ana Rosa de Tele 5 si avanzou a hipótese dos investigadores.

Segundo avanzou este programa, a Policía Nacional baralla que o corpo de Sonia Iglesias pode estar enterrado no panteón da familia Araújo nese cemiterio, pero que previamente estivo na casa familiar. Segundo esa hipótese, o paso necesario sería exhumar os cadáveres enterrados nese panteón e analizar os restos para determinar se algún se corresponde co da desaparecida, pero se trata dunha actuación que os xulgados adoitan autorizar con moitas reticencias, dado o impacto psicolóxico que supón para as familias.

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra emitiu unha orde xudicial para un rexistro exhaustivo da casa situadao ao carón da capela de San Amaro, pero, de momento, non hai unha orde xudicial de rexistro para ningún outro punto. Cabe destacar que, antes de que exista esa orde, é necesario analizar en laboratorio as distintas mostras recollidas nos rexistros destes dous últimos días na vivenda, unhas tarefas que se poden demorar bastante no tempo.

Os policías rastrearon o interior da vivenda e tamén a leira palmo a palmo, incluidos un pozo e unha fosa séptica. Caváronse varios puntos e se realizaron catas noutros e, segundo se puido coñecer con posterioridade, centráronse tanto na leira en si como nun pequeno terreo entre a casa e a capela de San Amaro e en zonas do subsolo. Estiveron implicados axentes e vehículos das unidades de Subsolo, Policía Científica e Policía Xudicial da Policía Nacional tanto de Madrid como de Galicia.

Fontes xudiciais confirman que, en todo caso, os rexistros oficiais autorizados pola xuíza instrutora xa concluíron. Neles tamén se inclúe a inspección, realizada nun taller mecánico de Vilalonga (Sanxenxo), dun vehículo propiedade da que naquel entón era parella de David Araújo, o irmán de Julio.

A Policía e o xulgado manteñen un total mutismo sobre as investigacións, pero fontes consultadas por PontevedraViva indicaron que unha das probas na que volveron centrarse os investigadores nos últimos meses foron as imaxes das cámaras de tráfico da Policía Local de Pontevedra que recolleron o percorrido de Julio Araújo en coche desde o centro da cidade o día en que desapareceu Sonia.

Esas imaxes, que non están baixo segredo sumarial porque se incorporaron á causa xa no ano 2010, amosan o percorrido do coche de Julio e pérdense na rotonda entre San Amaro e Xoán Carlos I, a rotonda previa a un percorrido ascendente que todo apunta a que seguiu ata a zona da casa familiar e o camposanto.

Julio Araújo e o seu irmá David compareceron este mércores durante unha hora cada un ante os investigadores da Policía Nacional. No caso da ex parella de Sonia, por un delito de homicidio, pois os policías que levan o caso xa dan por feito que a muller está falecida e que el tivo implicación nesa morte.

Non trascendeu que delito se atribúe ao seu irmán, pero relaciónase coa detención ilegal, pois a causa xudicial está aberta por ese delito. En todo caso, fontes coñecedoras do caso consultadas por PontevedraViva aclaran que están investigados a nivel policial, pois no terreo xudicial aínda non se levou a cabo ese trámite.

Ámbos acolléronse ao seu dereito a non declarar, pero, no caso do seu antigo compañeiro sentimental, os policías si quixeron deixar constancia das cinco preguntas que querían facerlle no interrogatorio, malia que el non respondese.

Fontes coñecedoras do caso tamén confirman que nos últimos tempos, tras a reapertura da causa xudicial, a Policía Nacional centra a súa atención na contorna familia de Julio Araújo e teñen interrogado a familiares moi achegados, un dos cales é un sobriño que está a residir en Madrid.

Arquivado en