A Casa do Pobo de Corredoira xa é de propiedade municipal

Cerdedo-Cotobade
02 de outubro 2019

25.000 euros. É o diñeiro que pagará o Concello de Cerdedo-Cotobade para adquirir a Casa do Pobo de Corredoira, ata o de agora propiedade do Estado. O inmoble será rehabilitado para que sexa usado pola parroquia para actividades veciñais, sociais e culturais

Casa do Pobo de Corredoira Concello de Cerdedo-Cotobade

25.000 euros. É o diñeiro que pagará o Concello de Cerdedo-Cotobade para adquirir a Casa do Pobo de Corredoira, ata o de agora propiedade do Estado. O inmoble será rehabilitado para que sexa usado pola parroquia para actividades veciñais, sociais e culturais.

Esta operación lévase negociando dende o ano 2017, xa que había fortes diferenzas entre a oferta municipal de 14.000 euros e as pretensións económicas do Estado para a enaxenación do inmoble, xa que pedía 36.000. Varios peritaxes e taxacións permitiron chegar a unha cifra intermedia que satisfai a ambas partes.

O alcalde, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción porque finalmente se desbloqueara a situación e se chegara a un acordo "cun prezo que creo que é xusto e que dá unha solución boa para todos ". 

Agora queda por formalizar a compravenda no que resta de ano co pago dos 25.000 euros con cargo ao Plan Concellos e despois de que o goberno local aprobe a operación.

Posteriormente, afrontarase unha completa rehabilitación do inmoble cunha partida estimada duns 70.000 euros, segundo o anteproxecto presentado e que se enmarca no Plan de Centros Veciñais, co que se actúa neste momento en Fentáns, Cutián e Tenorio. Ao seu remate cederase o seu uso aos veciños.