A Casa da Luz faise eco das demandas para dignificar a Avogacía

Pontevedra
04 de xuño 2024

A Casa da Luz de Pontevedra faise eco desde este luns das reivindicacións das profesionais da avogacía da cidade. No balcón está pendurada unha faixa coa que se pide "Dignidade para a Avogacía", o lema que este colectivo emprega desde hai meses para facer públicas as súas demandas

Reunión de Lores e Eva Vilaverde coa plataforma 'Dignidade Avogacía Pontevedra' Concello de Pontevedra

A Casa da Luz de Pontevedra faise eco desde este luns das reivindicacións das profesionais da avogacía da cidade. No balcón está pendurada unha faixa coa que se pide "Dignidade para a Avogacía", o lema que este colectivo emprega desde hai meses para facer públicas as súas demandas. 

Profesionais da avogacía xa puxeran ao día ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, das súas reivindicacións hai días nunha reunión e este luns despregaron a pancarta co apoio dos concelleiros Eva Vilaverde e Demetrio Gómez. 

Na reunión con Lores, na que tamén estivo a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, integrantes da plataforma trasladaron as súas preocupacións e as súas peticións de apoio de cara a visibilizar e solucionar a súa problemática.

O rexedor comprometeuse a apoiar as súas reivindicacións, promesa que cristalizou na colocación desta faixa no edificio municipal da Praza da Verdura.

A plataforma Dignidade Avogacía Pontevedra lembra que a quenda de oficio é un servizo público esencial para garantir o estado de dereito e a tutela xudicial efectiva dos máis desfavorecidos, consecuencia do mandato directo do artigo 119 da nomeada norma e que proclama a gratuidade da xustiza respecto dos que acrediten a insuficiencia de recursos.

Tamén lembran que os profesionais da avogacía "prestan ese servizo dun xeito case altruísta, á vista das precarias condicións en que o mesmo se desenvolve", poñendo o foco nas baixas remuneracións, o non abono dos desprazamentos ás distintas sedes ou a imposibilidade de conciliar a vida laboral e persoal, nin o permiso de paternidade ou maternidade, ou a ausencia de dereito á desconexión dixital.