O Deputado do BNG no Congreso, Nestor Rego, acompañado polo alcalde Luciano Sobral, a candidata á alcaldía, Marga Caldas e outros membros do BNG local, deu a coñecer as emendas que o Bloque Nacionalista Galego presentou aos orzamentos xerais do Estado, que teñen que ver con Poio.
As emendas teñen tres eixos fundamentais: A Casa Barroca de Combarro, a recuperación do borde marítimo e a protección sonora da AP9 na Barca.
En canto á recuperación da titularidade pública da Casa Barroca de Combarro, impulsando todas as accións necesarias para facer efectiva a lexítima titularidade deste inmoble sito en pleno corazón do centro histórico de Combarro, co fin de poder impulsar o Museo do Mar, un proxecto un proxecto demandado polo veciñanza desde 1969. Luciano Sobral lembrou que a Casa Barroca "tivo un uso público durante corenta anos", e que toda a documentación existente leva á conclusión que o inmóbel pertence ao Estado, polo que se insta ao Ministerio de Cultura a que, dunha vez por todas, escoite ao Concello de Poio, á veciñanza e ás entidades socioculturais de Combarro, e recupere para o público a Casa Barroca, como paso previo para a constitución do previsto Museo do Mar.
A segunda demanda é a recuperación da fachada litoral entre A Barca e Lourido, e entre A Seca e Combarro, dando continuidade ao paseo marítimo desde Combarro até Pontevedra, conectando zonas estratéxicas para o desenvolvemento turístico e ambiental de Poio.
E finalmente, repite de novo a solicitude de construción dunha barreira acústica no peirao da Barca, que poña fin aos constantes ruídos que teñen que soportar os veciños cuxas casas están a escasos 25 metros da AP9.
Nestor Rego calificou "de sentido común" as emendas presentadas, e instou ás forzas políticas galegas con representación no congreso "a que, por unha vez, abandonen a súa cega obediencia madrileña e apoien as emendas presentadas polo BNG, que son demandas históricas que responden aos lexítimos intereses dos veciños e veciñas de Poio".