A carreira electoral ata o 12X arranca en Pontevedra cunha atípica pegada de carteis

26 de xuño 2020

Con máis máscaras que bandeiras ou carteis e con só catro partidos dos que se presentan: PP, PSdeG-PSOE, BNG e Marea Galeguista. Desta maneira tan atípica e, en certa medida, descafeinada comezou a campaña electoral para as eleccións galegas do próximo 12 de xullo na cidade de Pontevedra.

Pegada de carteis no inicio da campaña das eleccións galegas de 2020 Mónica Patxot

Con máis máscaras que bandeiras ou carteis e con só catro partidos dos que se presentan: PP, PSdeG-PSOE, BNG e Marea Galeguista. Desta maneira tan atípica e, en certa medida, descafeinada comezou a campaña electoral para as eleccións galegas do próximo 12 de xullo na cidade de Pontevedra.

Tras acompañar a Alberto Núñez Feijóo nun mitin vespertino en Vigo, Alfonso Rueda encabezou a pegada de carteis en Pontevedra por parte do PP xunto a outros membros da candidatura que os populares presentan ás eleccións do 12 de xullo.

Será unha "campaña diferente", recoñeceu Rueda, xa que o PP renunciará á súa "marca de identidade", que vinculou coas "grandes mobilizacións" en eventos multitudinarios, pero garantindo que "seguiremos tendo moito empuxe". 

O número 3 da candidatura popular por Pontevedra defendeu que Núñez Feijóo "ten moito que achegar a Galicia" e o partido poñerá en valor a súa experiencia e as súas "certezas demostrables" na xestión das crises. "Non haberá improvisacións", dixo.

"Explicaremos como xestionamos esta pandemia, faremos balance de todo o feito ata o de agora, pero tamén falaremos do futuro máis inmediato, de como traballaremos para acometer a recuperación", engadiu Alfonso Rueda.

En ausencia de Gonzalo Caballero, foi Paloma Castro a que representou ao PSdeG-PSOE no arranque da campaña en Pontevedra. Coa número 3 da candidatura socialista estiveron, entre outros, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.

A concelleira pontevedresa sinalou que Galicia "merécese un cambio" e ter un goberno "que pense nas persoas" e que conte cun proxecto "serio e de futuro" para saír da crise "e non deixar a ninguén atrás".

"Feijóo leva anos deixando que Galicia languideza e non podemos seguir así", subliñou Castro, que destacou que os socialistas inician a campaña cun grafiti, creado por un artista local, para simbolizar a importancia do voto dos mozos nesta cita coas urnas.

Luis Bará, pola súa banda, estivo acompañado entre outros por grande parte dos edís de Pontevedra e Poio. O candidato do BNG por Pontevedra apelou ao voto urbano, dos mozos e dos que optan pola abstención para "abrir un tempo novo" na Xunta de Galicia.

Tras destacar o "optimismo" e as "grandes expectativas" do BNG polas "sensacións favorables" que deixan as enquisas, Bará pediu apoio para "derrotar á dereita e ao centralismo" e poder "facer historia" poñendo á fronte do goberno galego a una muller nacionalista.

"Este non é tempo de resignación e de baixar a cabeza, é tempo de épica, de grandes ideas, de grandes valores e de grandes emocións", defendeu o candidato por Pontevedra, que dixo que co BNG no goberno autonómico desbloquearanse "grandes investimentos" para a comarca.

O cuarto partido en discordia que se presentou na Alameda foi Marea Galeguista. No seu caso, o encargado de pegar os carteis nos seus respectivos paneis foi o número 2 desta coalición entre En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, Andrés Núñez Rajoy.

A súa candidata, Peque González, abriu campaña en Santiago de Compostela xunto ao resto de cabezas de lista. Alí, reivindicou as "potencialidades" de Galicia e alertou da "emerxencia social, feminista, ambienta e democrática" que atravesa o país.

O resto dos principais partidos que optan a entrar no Parlamento galego por Pontevedra renunciou a estar na pegada de carteis celebrada na capital da provincia.

En Vigo concentraron o arranque da campaña os membros de Galicia en Común, con Antón Gómez Reino e Eva Solla, candidata por Pontevedra, á cabeza.

Ciudadanos, coa súa candidata Beatriz Pino á cabeza, tamén optou por abrir a súa campaña en Vigo, no seu caso xunto á portavoz nacional do seu partido, Melisa Rodríguez; mentres que o vicepresidente de Vox, Jorge Buxadé, estivo acompañado en Santiago por todos os seus candidatos en Galicia, entre eles o de Pontevedra, Antonio Ramilo.