A Caravana LGTBIQ+ estende a conciencia da diversidade polas rúas de Pontevedra

Pontevedra
26 de xuño 2020

Igualdade distribúe 1.000 máscaras, 1.000 flyers, 1.000 adhesivos, 1.000 chapas e 1.000 pulseiras dende o "CIDES-móbil" instalada na Praza de Ourense por Mónica Novas e Ada Otero

Caravana LGTBIQ+ / CIDES móbil Concello de Pontevedra

Decenas de cidadáns de tódalas idades achegáronse dende a súa apertura á Caravana LGTBIQ+ instalada na Praza de Ourense pola Concellería de Igualdade no marco dos actos conmemorativos e reivindicativos organizados co gallo da Semana do Orgullo.

O "CIDES-móbil", que permanecerá no contorno da Ferrería entre as 17.00 e as 21.00 horas, axudará a estender a conciencia da diversidade polas rúas de Pontevedra, ofrecendo información e asesoramento en materia de orientación sexual e xénero e distribuíndo 1.000 máscaras coas bandeiras LGTBIQ+ e da Concellería, 1.000 flyers informativos, 1.000 pulseiras, 1.000 chapiñas e 1.000 pegatinas do Centro municipal de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES).

Atendendo aos que ata alí se achegan están a súa coordinadora, Ada Otero, e a psicóloga e sexóloga Mónica Novas, que tamén prestan atención personalizada no interior da Caravana a aqueles que llo requiren.

Tal e como sinala Novas, durante a xornada deste venres están a desenvolver "unha campaña de sensibilización contra as agresións tanto ao colectivo LGTBIQ+ como intraxénero", repartindo "material previamente desinfectado cunha máquina especial que temos dentro da Caravana" e mantendo todas as medidas de seguridade.

Segundo explicou Ada Otero, "aproveitando esta ocasión, ofrécese información sobre o CIDES, xa que aínda hai moita xente que non sabe que existe, e respóstanse ás dúbidas que os cidadáns poidan ter non só sobre o colectivo LGTBIQ+, senón tamén sobre sexualidade en xeral, que unha materia pendente que temos".

"Ademais, as preguntas a pé de rúa soen ser bastante básicas -sinala a directora do Centro-, o que nos indica que moita xente precisa orientación e aquí estamos para proporcionarlla, non só no Día do Orgullo, senón durante todo o ano no CIDES, tanto presencialmente como vía online".

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, lembrou que o programa da Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020 terá a súa guinda o sábado co regreso á Praza da Verdura dos vermús de Pinto e Maragota, cuxa Sesión Circas foi trasladada ás 20.00 horas por mor das malas condicións meteorolóxicas previstas para a mañá. O colectivo MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz deleitarán a tódolos asistentes cun espectáculo cheo de cores e peripecias que ten un obxectivo principal: facer rir.