A campaña informativa da nova ordenanza de mobilidade chega aos concesionarios

Pontevedra
19 de novembro 2020

Representantes de catro concesionarios participaron este mércores nun encontro co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, o director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, que lles informaron sobre a nova normativa

Xuntanza informativa cos concesionarios Concello de Pontevedra

O departamento de Mobilidade do Concello de Pontevedra e a Policía Local mantiveron este mércores un encontro formativo con representantes de catro concesionarios da cidade para informarlles sobre a nova ordenanza de mobilidade e espazos públicos do municipio e sobre a campaña informativa SUMA (Súmate á Mobilidade Amábel) que emprega o Concello para difundir o contido desta nova norma.

Na sesión participaron os concesionarios das marcas Renault, Fiat, Audi & Volkswagen e Gallardo Automóviles.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, acompañado do director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle e do xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, dirixiuse aos concesionarios lembrándolles que "Pontevedra ten un índice de motorización moi elevado" e que, neste sentido, "o coche ten que ser un aliado na construción da cidade do futuro".

Na reunión tamén abordaron as dúbidas que xurdiron entre os representantes destes concesionarios e ofrecéronlle documentación e información sobre a norma ordenanza.

Este encontro formativo forma parte dunha serie de sesións que, desde o departamento de Mobilidade, se están mantendo con diversos colectivos implicados de xeito directo na difusión da nova ordenanza, como son as autoescolas ou as tendas de bicicletas.