A campaña de Nadal xerará 5.000 empregos na provincia

Pontevedra
27 de novembro 2014

Os sectores do comercio e a hostalaría espera que se contratarán para esta campaña preto de 5.000 traballadores, e no conxunto de Galicia se espera crear uns 26.700 empregos, a gran maioría de carácter temporal. Esta cifra supón un incremento do 4,9% respecto á campaña do Nadal do ano 2013

Alumeado do Nadal 2013 Mónica Patxot

O motor do Nadal empeza a xerar emprego en Pontevedra. Para estas festas e coas Rebaixas de Inverno que se inician a principios de xaneiro, xa se está a contratar persoal dentro da provincia.

Os sectores do comercio e a hostalaría esperan contratar para esta campaña preto de 5.000 traballadores, e no conxunto de Galicia se espera crear uns 26.700 empregos, a gran maioría de carácter temporal. Esta cifra supón un incremento do 4,9% respecto á campaña do Nadal do ano 2013.

Dende a Federación Provincial do Comercio de Pontevedra valoran positivamente este dato xa que consideran que "se hai traballadores hai diñeiro, e se hai diñeiro hai consumo".

Na comarca de Pontevedra estímanse unhas vendas de 38,1 millóns de euros

Segundo as enquisas realizadas por esta Federación estímanse un gasto do Nadal, ano novo e Reis, de 291,4 millóns de euros no global da provincia de Pontevedra. Na comarca de Pontevedra estímanse unhas vendas de 38,1 millóns de euros e na do Salnés espérase que a cifra sexa próxima aos 33 millóns de euros.

Os estudos económicos realizados pola Federación Provincial do Comercio de Pontevedra entre diversos consumidores, asociacións a nivel local, provincial galego e nacional constatan que o comercio conseguiu no que vai de ano unha recuperación nas súas vendas. En concreto, os datos pechados a pasada semana indican que as vendas aumentaron durante o ano un 36%. Estea indicador calcula que os consumidores na provincia de Pontevedra van gastar entre un 7% e 8% máis.

Os consumidores na provincia de Pontevedra van gastar entre un 7% e 8% máis

Dende a Federación de Comercio estiman que esta mellora no consumo se debe, entre outros factores, a que os funcionarios van cobrar o 25% da paga extraordinaria que fora suspendido en decembro de 2012, e a rebaixa do IRPF tamén a partir de xaneiro, "o que é positivo de cara ao consumo este nadal, xa que se poderán anticipar compras neses días", valoran.

Tampouco esquecen na federación que se ben é certo que se viu un repunte nas vendas, "tamén é máis certo que o comerciante durante este ano sacrificou os seus beneficios con liquidacións, grandes descontos, etc; dende que o goberno liberou as rebaixas, os comerciantes co propósito de aumentar o número de vendas, fixeron descontos do 30% chegando nalgúns casos ao 60% ".

Ademais recordan que o mal tempo prexudicou ao comerciante, debido a que o verán non foi bo a pesar do aumento do turismo en Pontevedra e "non houbo outono, o bo tempo prolongouse, e o frío e o inverno está a chegar".

Arquivado en