A campaña contra as violencias machistas comezou polo alumnado do instituto de Poio

Poio
10 de outubro 2023

Os menores trasladáronse este martes ao Centro Cultural Xaime Illa para ver o monólogo "No solo duelen los golpes" e participar nun coloquio coa actriz

Monólogo de Pamela Palenciano no Centro Xaime Illa

Este martes comezou a campaña coa que o Concello de Poio quere traballar a igualdade e previr as violencias machistas na adolescencia, e que se desenvolverá durante as semanas próximas.

Foron 250 os alumnos do IES de Poio acudiron ao Centro Cultural Xaime Illa para ver o monólogo "No solo duelen los golpes", onde ademais tiveron a oportunidade de manter un diálogo coa actriz, comunicadora e activista feminista Pamela Palenciano. 

Esta peza narra a vivencia persoal da actriz na súa primeira relación de noviazgo, unha relación que mudou violenta co paso dos seis anos que durou.

O obxectivo desta actividade era traballar para evitar que se asenten os estereotipos sexistas ou desaprender os roles asumidos nas relacións afectivas, fomentando relacións sanas entre iguais. 

Tamén asistiron a esta actividade as concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, que recordaron que é fundamental recoñecer este tipo de violencias para poder evitalas e denuncialas, ben cando se sofren de xeito directo, ou cando se coñece a algunha persoa que as está padecendo.

Esta actividade forma parte da campaña posta en marcha polo Concello de Poio para concienciar sobre a violencia contra as mulleres, coincidindo coa conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha campaña que este ano terá como destinatarios principais aos nenos, adolescentes e mocidade para que interioricen a igualdade como un valor esencial. 

Así, ademais desta obra de teatro, tamén se inclúen outros obradoiros, como "Que vexo no Youtube", onde se fará unha análise crítica e guiada polos contidos que maioritariamente a mocidade consume neste canal, e "Violencia nos videoxogos", que por primeira vez involucra a alumnado de 6º de primaria.

Ademais dos obradoiros e accións cos centros escolares, na campaña tamén se inclúe o acto institucional do Concello de Poio, que será o venres, 24 de novembro, co parón institucional e lectura da moción conxunta de todos os grupos políticos da corporación municipal, expresando o compromiso de que Poio sexa un concello libre de violencia machista.

Por último, este ano colaborarase tamén coa Asociación Asampo (Asociación de Amigos da Pontevedrada), que quere organizar un Camiño Violeta entre Poio e Pontevedra, saíndo o domingo 26 do Parque da Memoria ás 9,30 horas, para chegar ó muelle de Lourido.