A calidade do aire de Pontevedra "roza case a excelencia" a pesar dos cambios de criterios da OMS

Pontevedra
23 de setembro 2021

Anabel  Gulías explicou que hai que ter en conta que os últimos datos existentes son de 2019 e, nestes dous anos, a situación pode cambiar e que os datos se extraen do medidor que Meteogalicia ten en Campolongo, unha das zonas da cidade con máis densidade de tráfico de paso

Pantalla con información meteorolóxica en Campolongo Concello de Pontevedra

A actualización dos criterios utilizados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para medir os niveis de calidade do aire ( AQG) non afecta practicamente a Pontevedra. A pesar de que se endurecen os criterios sobre contaminación do aire e, co novo baremo, ningunha cidade galega cumpriría con todos os niveis marcados, Pontevedra quedaría só ás portas e desde o Goberno municipal insisten en que "a calidade do aire ds nosa cidade roza case a excelencia". 

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, responsable da campaña Efecto PO2, explicou este xoves en rolda de prensa que dos cinco indicadores que manexa a OMS a cidade cumpre sempre con tres e soamente incumpriría "e  non sempre" outros dous.

Trátase dos niveis de partículas menores de 2,5 micras (PM2,5), que a OMS fixa en 5 e Pontevedra duplica, situándose en 11; e o material particulado PMD, cuxos límites se fixan en 15 e Pontevedra ten 18. Son dous dos parámetros que teñen que ver co paso do tráfico.

Anabel Gulías explicou que, ademais, hai que ter en conta dúas consideracións específicas. A primeira é que os últimos datos existentes son de 2019 e, nestes dous anos, a situación pode cambiar. A segunda é que os datos de Pontevedra extráense do medidor que Meteogalicia ten en Campolongo, unha das zonas da cidade con máis densidade de tráfico de paso, que alteraría os niveis con respecto a outras zonas de Pontevedra con menos presenza de vehículos. 

A responsable municipal lembra igualmente que cos parámetros anteriores Pontevedra "tiña un cumprimento moi alto das directrices" e que o programa Efecto PO2 traballa para mellorar as medicións e realizalas en diferentes zonas da cidade. Así, por exemplo, contan cun proxecto de medición na rúa Loureiro Crespo que agora están a esperar a que rematen as obras para ver a melloría nos datos.

Entre outras cuestións, Efecto PO2 nace coa vocación de avaliar a calidade do aire de Pontevedra e co convencemento por parte do Concello de Pontevedra de que "a contaminación mata e hai que tomar medidas urxentes para paliar" a situación actual. 

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción sinala que os datos mostran que todas as cidades españolas superan actualmente as novas guías de calidade do aire establecidas pola OMS, a pesar da forte caída dos seus niveis en 2020 por efecto das medidas de loita contra a covid-19. Desta forma, e tomando como referencia o último ano sen confinamentos (2019), Pontevedra superou en 2019 a nova guía OMS para o NO2.

O NON2, segundo lembra o colectivo ecoloxista, provoca cada ano en España ao redor de 7.000 mortes prematuras, segundo o Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Europea de Medio Ambiente. É un gas irritante que provoca enfermidades respiratorias como a asma e a enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC), e mingua a resistencia ás infeccións. Diversos estudos relacionaron a mortalidade da enfermidade covid-19 con este contaminante atmosférico. O NO2 é ademais o principal contaminante precursor do ozono troposférico, o contaminante atmosférico que afecta desde hai anos a máis superficie e poboación en España.