A caída de facturación de Nauta e do consumo de auga reflicte a baixada do turismo en Sanxenxo

Sanxenxo
02 de setembro 2020

O aparcamento público de Sanxenxo facturou, en agosto do 2020, 127.489 euros, mentres que no mesmo período do ano anterior rexistrou 165.470.

Interior do parking soterrado do porto deportivo de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

As cifras de consumo do aparcadoiro Nauta, auga e lixo rexistraron unha caída menor do que o Concello prevía para o mes de agosto polo empeoramento da situación sanitaria no país. 

O aparcamento público recadou 127.489 euros durante o oitavo mes do ano fronte aos 165.470 euros rexistrados durante o mesmo período de 2019. Ademais da pandemia, a dotación de 535 novas prazas de aparcamento disuasorio no centro da vila desde mediados de xullo puido afectar tamén a esta caída.

Outro dos factores de referencia que axudan a cifrar o volume de visitantes ao municipio é o lixo recollido. O pasado mes de agosto retiráronse 1.915.400 quilos de residuos de distinto tipo fronte aos 2.130.010 quilogramos do mesmo mes de 2019. Isto supón unha caída do 10% respecto ao ano pasado.

Cabe destacar as cifras da retirada do vidro con 131.860 quilos e do papel, 80.940 quilos, así como de envases, 53.600 quilos, que indican o bo comportamento no tratamento de residuos, sinalan desde o Concello.

En canto ao consumo de auga de agosto, a cifra é de 322.245 metros cúbicos o que supón un descenso do 9,31% con respecto ao mesmo período do ano pasado cando foi de 355.709.