A caída da hostalería provoca un efecto dominó que xa afecta os provedores

Pontevedra
06 de novembro 2020

Desde a declaración do primeiro estado de alarma no mes de marzo, os distribuidores do sector na cidade alertan dunha caída de ingresos que rolda o 75 % con respecto ao mesmo período do ano 2019. Desde marzo, o descenso da actividade foi constante, só durante os dous meses de verán houbo un lixeiro repunte, pero co estalido da segunda onda o sector está despeñándose por un precipicio

Os provedores da hostelería xa notan os efectos das restriccións do sector Mónica Patxot

A roda da hostalería parou. A engrenaxe que daba sustento a centenares de empresas na comarca de Pontevedra saltou polo aire coa pandemia da covid-19 e as restricións impostas polo Goberno a este sector co obxectivo de reducir os contagios. Este venres, bares e restaurantes pecharán durante un mes.

As facturas levan todo o ano acumulándose, os ingresos caen e moitos están ao bordo da quebra. Para alertar da gravidade da situación saíron este martes á rúa porque a súa caída arrastrará por centos a autónomos, pequenas empresas e familias que viven directamente deste sector.

"O noso principal cliente é a hostalería, se a eles lles vai mal, se pechan, imaxina que nos vai a pasar a nós", relata a propietaria de Diego Lores, un dos principais provedores de bares, restaurantes e pubs da capital. "Vendémoslles de todo, maioritariamente bebidas, pero tamén papel, aperitivos e toda clase de produtos", remarca.

O exercicio aínda non o teñen pechado, pero os resultados dan medo e reflicten a magnitude da crise que está a padecer un sector chave na economía pontevedresa. "Estamos a facturar ao redor dun 80% menos que o ano anterior", exclaman.

Non se trata dun caso illado, outros provedores como Frit Ravich ou A Tenda do Cóctel tamén están a sufrir perdas similares. "Prefiro non pensar nos números, pero calculo que deixarei de ingresar un 75% do que ingresei no 2019", recoñece Carlos Abilleira, propietario dunha empresa especializada na preparación de cócteles, batidos e cafés especiais que viu como en marzo prohibían este tipo de servizos en eventos e que ve agora como o outro alicerce do seu negocio, a venda de ingredientes para estas bebidas, vén tamén abaixo.

Da catástrofe non se libran nin xigantes como Estrella Galicia, aínda que a empresa que abastece de cervexa á maior parte da hostalería de Pontevedra ten decidido non facer valoracións sobre a situación sanitaria e as restricións do Goberno, desde a central admiten que "é evidente que ten repercusións". De feito, o conselleiro delegado, Ignacio Rivera, mostrou o seu malestar nas súas redes sociais coa decisión de clausurar o sector durante un mes despois de confirmarse que só o 3% dos contaxios procede da restauración.

Unha mostra da inesperada caída dun sector que cotizaba á alza desde hai anos ofrécea Lois Rodríguez, autónomo encargado da distribución de produtos de Frit Ravich nas comarcas de Pontevedra e O Salnés. "Cada ano estaba a ser mellor que o anterior. Durante xaneiro e febreiro seguimos crecendo, pero a partir de marzo empezamos a perder e calculo que ingresaremos preto dun 65 % menos que o ano anterior",detalla o responsable de abastecer de aperitivos, petiscos e demais alimentos a decenas de locais por todas as Rías Baixas.

Desde marzo, o descenso da actividade foi constante, só durante os dous meses de verán houbo un lixeiro repunte, pero co estalido da segunda onda o sector está despeñándose por un precipicio. "Estamos a gañar menos e con máis gastos que nunca", declara Lois.

A entrada en vigor das restricións, colle aos hostaleiros sen tempo para estudalas e planificar a súa actividade. "Adoito servir pedidos a dous días e xa me ten pasado de chegar e que non estean abertos ou que mo devolvan. Sei que non é a súa culpa nin a deles, pero ao final perdemos todos", lamenta poñendo como exemplo o ocorrido durante a fin de semana de Defuntos, no que se implantou sen marxe o toque de queda e limitáronse as reunións a só persoas conviventes.

Á marxe da precaria situación económica da maior parte destas empresas, o desánimo, pesimismo e preocupación empeza a estenderse entre os traballadores. "Eu quero ser positivo, quero pensar que é só un mes, hai que aceptar as regras, e logo volverán abrir", expón Abilleira non sen recoñecer que "é un problemón" e que se trata de medidas "que non producen efecto, porque só o 3% dos contagios danse na hostalería e están a amolar a un sector para nada", protesta.

Nalgúns casos, as perdas comezan a afectar o patrimonio persoal dos provedores. "A miña situación permíteme aguantar e esperar a poder seguir traballando. Co traballo de todos estes anos puiden aforrar para comprarme unha segunda residencia e gozar alí os meus días libres, agora decidín alugala para poder subisistir", lamenta Rodríguez, que, como todo o sector, permanece inquieto á espera de que soe o teléfono para encargar uns pedidos que minguan ao mesmo ritmo que crecen os contaxios e pechan os bares.