A buenense Isabel Pastoriza, Medalla de Investigación 2022 da Real Academia Galega de Ciencias

Bueu
29 de setembro 2022

A investigadora e docente da Universidade de Vigo, Isabel Pastoriza Santos, recibirá o vindeiro 6 de outubro, data de celebración do Día da Ciencia en Galicia, a Medalla de Investigación 2022 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), no campo Química e a Xeoloxía

A investigadora e docente da Universidade de Vigo, Isabel Pastoriza Santos Universidade de Vigo

A investigadora e docente da Universidade de Vigo, Isabel Pastoriza Santos, recibirá o vindeiro 6 de outubro, data de celebración do Día da Ciencia en Galicia, a Medalla de Investigación 2022 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), no campo Química e a Xeoloxía.

Xunto á científicas buenense, a RAGC premiará este ano a Ángeles Sanromán Braga, tamén da Universidade de Vigo e aos científicos da Universidade de Santiago de Compostela, Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez e Jorge Mira Pérez, recoñecendo no caso dos cinco galardoados as traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais do fomento da promoción da ciencia e tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. 

Profesora titular no Departamento de Química física da Universidade de Vigo, Isabel Pastoriza Santos (Bueu, 1974) foi a investigadora elixida este ano pola sección de Química e Xeoloxía da RAGC para outorgarlle a medalla Antonio Casares Rodríguez. 

A Academia Galega de Ciencias destaca "a súa capacidade para deseñar e desenvolver importantes proxectos científicos, así como para dirixir a mozos investigadores e participar activamente na xestión da Química en España", ademais de remarcar o seu traballo no campo do deseño de nanopartículas con actividade electrocatalítica durante máis de 20 anos, realizando achegas relevantes na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante química coloidal, conseguindo, así mesmo, nanopartículas con respostas ópticas sobresaíntes e importantes logros na diagnose da covid-19.

En declaracións ao Diario da Uvigo, Isabel Pastoriza comentou "síntome moi honrada por recibir esta distinción da RAGC. Como se recoñece a traxectoria científica, debo e quero compartir o premio con todas as persoas que me acompañaron e apoiaron ao longo da miña traxectoria investigadora, así como tamén coa Universidade de Vigo", explica Pastoriza, que suma máis de 40 artigos nas revistas científicas internacionais máis prestixiosas no eido da Química, ademais de impulsar a posta en marcha da Rede de Nanomedicina en Galicia.