A Brilat retírase e da por finalizada a Operación Balmis de loita contra o coronavirus

Pontevedra
23 de xuño 2020

Os militares da base de Figueirido desinfectaron máis de duascentas localizacións de Galicia, Asturias e Castela e León durante os 98 días de duración do estado de alarma

A Brilat desinfecta residencias de maiores en Pontevedra Diego Torrado

A Operación Balmis toca ao seu fin. Despois de tres meses de presenza militar en diversas localidades das comunidades autónomas de Galicia, Asturias e Castela e León para combater o avance do coronavirus, as tropas da Brilat retíranse. 

Desde a declaración do estado de alarma, os integrantes da base de Fiegueirido tomaron as rúas co propósito de apoiar a acción do Estado, axudar á poboación na loita contra a propagación da Covid-19 e colaborar co resto da Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Despois de 98 días de alarma e finalizada a Operación Balmis, desde a Brilat agradecen á sociedade das tres comunidades nas que se despregaron pola "súa excelente predisposición cos seus militares". Así mesmo, recoñecen o labor dos traballadores e internos das 219 localizacións desinfetadas. "Especialmente aos das residencias de maiores polo agarimo co que recibiron aos militares; aos traballadores do hospital Universitario Central de Asturias por facilitar o traballo durante os 94 días de despregamento na estación de triaxe e test rápidos; á Garda Civil e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado polos apoios e a colaboración demostrados; a todos os particulares e empresas que desinteresadamente colaboraron e aos cidadáns que apoiaron, aplaudido e animado aos militares da Brilat", detallan desde o seo da Brigada nun comunicado.

Neste operativo participaron unha media dun centenar de militares e 27 vehículos ao día. "A mellor recompensa é a do sentimento do deber cumprido e as mostras de agradecemento e agarimo que os cidadáns transmitiron", conclúen agradecidos desde a Brilat.